A Policía Local de Sanxenxo denuncia un mozo por publicar a imaxe dun axente nunha rede social e insultalo
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo anunciou que a Policía Local ven de denunciar un mozo por insultar a un axente nunha rede social.
Segundo informaron, o pasado día 1 de agosto, a Policía Local de Sanxenxo tivo coñecemento da difusión dunha imaxe a través do WhatsApp. Esta imaxe fora publicada con anterioridade nunha conta dunha rede social, pertencente a B.P.
A fotografía foi tomada durante un servizo dun policía local na Rúa Progreso. A imaxe estaba acompañada de insultos e comentarios como "escombro, subnormales e inútiles".
Un día despois, na mesma rede social, publícase de novo esa fotografía con novos insultos e desprezos cara aos axentes do corpo de Policía Local de Sanxenxo.
Identificado o autor, púxose denuncia ante a Subdelegación do Goberno ao entender que incumpre o sinalado na Lei Orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de Protección da Seguridade Cidadá. A Policía Local cre que se cometeu unha infracción grave, con multas de ata 30.000 euros
Ademais, o asunto enviouse á Axencia Española de Protección de Datos, para estudar o caso e, se a houbera, propoñer a sanción correspondente.
A Policía Local quixo deixar claro que "as redes sociais non son un lugar onde se poida insultar, ameazar, inxuriar ou calumniar impunemente. A ninguén lle gusta ser insultado no seu traballo nin mediante a utilización das redes sociais. En tal caso, se necesitan facer algunha queixa sobre algún servizo policial, ou calquera actuación, existen outras vías de queixa para os que non estean conforme co servizo que se presta".