Carmela Silva asegura que "o señor conselleiro mentiu" cos datos de turismo da cidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acusou ao conselleiro de Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, de "ocultar os datos relevantes" de turismo de Vigo no primeiro semestre do ano e "mentir" respecto a os da cidade de Pontevedra.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes Carmela Silva contestou "ás mentiras do conselleiro e dos seus acólitos" á vez que mostrou a súa sorpresa por "a paixón do Partido Popular e o seu portavoz na Deputación para defender á Xunta en lugar de defender os intereses da provincia" e os datos " estratosféricos" rexistrados polo sector turístico.
O portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, defendeu que os datos ofrecidos polo conselleiro de Turismo estaban recollidos do Instituto Nacional de Estatística (INE).
A presidenta provincial tamén dixo que "o señor conselleiro mentiu" cando dixo que Pontevedra era a cidade con peor evolución turística no primeiro semestre deste ano ao descender case un 5% "sen embargo, oh sorpresa, o INE non dá datos do punto turístico Pontevedra cidade".
O Instituto Nacional de Estatística só recolle datos na provincia de: Sanxenxo, O Grove, Vigo e o xeo destino Rías Baixas.
"A presidenta sempre sabe do que fala non porque sexa máis lista que ninguén, que non o son, senón porque eu estudo e leo os datos", respondeulle Carmela Silva "o conselleiro veu a Sanxenxo a dar unha rolda de prensa e ocultou e mentiu, as dúas cousas" un comportamento que cualifica de "indignante".
VIGO
Román Rodríguez dixo que en Vigo subiran un 0,1% o número de visitantes totais no primeiro semestre do ano "pero o realmente relevante iso ocultouno o señor conselleiro, ou sexa mentiu conscientemente", acusou Carmela Silva "porque non dixo que os datos do INE demostran que o número de pernoitas en Vigo subiu un 17,49%".
Vigo pasou de 355.015 pernoitas no primeiro semestre do ano 2018 a 417.105 pernoitas na primeira metade deste ano en curso, segundo os datos do INE ofrecidos pola presidenta da Deputación.
"O comportamento do destino Vigo é mesmo mellor que o do destino Santiago de Compostela", engadiu a mandataria socialista, "creo que isto o ocultou tamén". En Santiago o número de pernoitas neste período subiu un 11,47% "seis puntos menos que en Vigo". Ademais a estancia media en Vigo é de 2,12 noites de xaneiro a xuño e en Santiago é de 1,89 noites.
Carmela Silva sinalou que ao dar datos de turismo "o indicador máis valioso" é o número de pernoitas "pois é o valor engadido que se deixa nun destino" e preguntouse "saberá isto o conselleiro?". "O turismo que elixe Vigo é de máis calidade porque hai máis noites por viaxeiro e por tanto máis gasto", insistiu.
Carmela Silva lamentou que a Xunta careza de medidores turísticos propios "do mesmo xeito que ten a Deputación de Pontevedra" algo que achaca a que "a Xunta ten unha carencia absoluta de política turística para esta Comunidade".
Relacionadas:
-
A Xunta exixe á presidenta da Deputación "que cese na súa estratexia de caos"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación desconfía das cifras de turismo da Xunta: "eses datos nin me cadran nin os miro na rúa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
O turismo galego "medra en cantidade, pero sobre todo en calidade"
Por Redacción |