Dous nenos de Poio acaban ante a Fiscalía de Menores por coarse nunha piscina privada e causar pequenos danos
Por Natalia Puga
Dous nenos de pouca idade de Poio deberán render contas ante a Fiscalía de Menores de Pontevedra por unha conduta que colleron como costume nos últimos tempos: coarse nunha leira privada para utilizar a piscina e, durante a súa estancia alí, causar pequenos danos.
A Policía Local de Poio identificounos esta semana e puxo os feitos en coñecemento da Fiscalía. Ademais dos nenos, de pouca idade, tamén foron identificados os seus pais, que no procedemento xudicial que se abra por estes feitos serán os responsables civís das actuacións dos seus fillos.
Os nenos son veciños do lugar de Porto Santo, na parroquia de San Salvador, e foron identificados por mor dunha denuncia presentada por unha persoa na Xefatura da Policía Local de Poio. Os axentes realizaron investigacións e comprobaron que accederan a unha parcela privada para utilizar a piscina, producindo algúns danos de pouca consideración.
Ademais, os policías lograron establecer que tiñan como costume facelo a miúdo.