XantaCaldelas trasládase a Chan da Barcia ante a ameaza de choiva
Por Redacción
A terceira edición do XantaCaldelas, prevista para este domingo en Ponte Caldelas, cambiará finalmente de ubicación ante a ameaza de choiva e pasará a celebrarse en Chan da Barcia.
Segundo a información facilitada polo Concello de Ponte Caldelas, a decisión adoptárona debido ás inclemencias meteorolóxicas e a alta previsión de choiva que hai a partir do mediodía deste domingo. Decidírono na noite deste venres e realizaron xestións de última hora que permitiron lograr este cambio de ubicación.
Finalmente contrataron unha carpa de 1.200 metros cadrados que se situará en Chan da Barcia para que os comensais poidan "gozar ao 100 por 100 desta xornada". O alcalde, Andrés Diaz, indicou que o ano pasado comezou a chover a media tarde, de maneira que nesta ocasión "non nos podiamos arriscar".
XantaCaldelas é unha xornada de convivencia na que este ano van participar 1.568 persoas. Trátase dun "éxito de participación" que, segundo o alcalde, se logrou "grazas a veciñanza activa e participativa coa que contamos en Ponte Caldelas".
O xantar volverá estar a cargo dunha empresa de catering, que preparará un menú consistente en entrantes (empanada e embutidos ibéricos), polbo á galega, carne ao caldeiro e tarta de chocolate, con bebidas e café incluídos. Todo ao prezo de 10 euros por persoa. Para esta III edición dende o catering levarán 850 kilos de polbo, 700 de carne ao caldeiro, 25 sacos de patacas, 180 empanadas e 400 kilos de pan.
Ao igual que o ano pasado estase a repetir o patrón de que se producen moitas inscricións por grupos, algúns deles familiares e outros por lugares de procedencia. O xantar abrirá as súas portas ás 14:00 horas.