O novo convenio para os comedores escolares aumenta a contía e as prazas para os nenos en risco de exclusión
Por Redacción
O convenio que o Concello de Pontevedra está a piques de asinar coa Federación de Nais e Pais de Alumnos (Fanpa) permitirá ofrecer o servizo de comedor escolar a 45 nenos en risco de exclusión social.
Tal e como avanza o concelleiro de Educación, Tino Fernández, o acordo de colaboración "incrementará sustancialmente a súa contía económica (actualmente ascende a 210.000 euros anuais) e a idea é que poida asinarse a finais de mes".
O edil socialista mantivo o pasado 22 de xullo unha reunión co presidente da Fanpa, Rogelio Carballo, e mailo seu vicepresidente, Ángel Sánchez, co obxectivo de poñer en marcha a elaboración dun novo convenio, xa que o último que se asinou data do ano 2014 e, polo tanto, "esgotáronse os catro anos de prórrogas que permite a lexislación", sen que ademais se produciran modificacións nas condicións do mesmo.
Segundo sinalou Tino Fernández, "trátase dun acordo esencial para o conxunto da comunidade educativa", ao incluír tanto a porcentaxe coa que a Concellería de Educación subvenciona o funcionamento e xestión dos comedores escolares e do Plan Madruga en 18 centros educativos do municipio, como as axudas ás actividades organizadas pola Fanpa.
Subliña o edil do PSOE que "os comedores escolares dan servizo a uns 1.100 nenos diarios en todo o municipio. O novo convenio incrementará de 32 a 45 o número de rapaces en risco de exclusión social aos que se lles dará cobertura e, ademais, farao dende o mes de setembro", ata o de agora incorporábanse ao servizo en outubro.
En opinión do concelleiro de Educación, o aumento da achega económica para a Fanpa "supón un investimento cun evidente valor social", posto que garantizará a prestación "dun servizo que é fundamental para as familias".
En concreto, a través das subvencións municipais, a Fanpa xestionará os comedores escolares dos CEIP A Carballeira, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Barcelos, Cabanas, Campolongo, Froebel, Manuel Vidal Portela, Marcón, Parada (Campañó), Ponte Sampaio, San Bieito de Lérez, Santo André de Xeve e Vilaverde, así como do CEP Marcos da Portela e os EEI Concepción Crespo Rivas e Fina Casalderrey.
Relacionadas:
-
Pais de alumnos do CEIP Praza de Barcelos mobilízanse contra a supresión dun grupo de Educación Infantil
Por Redacción |
-
O Concello incrementa en 50.000 euros o convenio de colaboración coa Fanpa
Por Redacción |
-
Educación estuda incrementar os cartos para os comedores escolares
Por Redacción |
-
Solucionada a situación dos nenos que quedaron sen axuda para os comedores escolares
Por Redacción |
-
Cidadáns pide garantir que ningún neno "quede fóra" dos comedores escolares
Por Redacción |