A Illa das Esculturas seguirá acollendo eventos lúdicos e culturais porque "non é o coto privado de ninguén"
Por Alejandro Espiño
A Illa das Esculturas non é o "coto privado de ninguén" e seguiranse celebrando nela eventos culturais, entre eles concertos de rock, que contribúan a dinamizar este espazo natural. Así de contundente mostrouse o goberno municipal ante a denuncia pública realizada por un grupo de pontevedreses, entre eles Antón Castro, quen fora comisario desta contorna, pola recente organización do festival Surfing The Lerez.
Nun escrito presentado no rexistro do Concello de Pontevedra, lamentan que se permitira a celebración dun festival de rock na Illa das Esculturas sen respectar o seu "deber de asegurar a protección e preservación dos recursos naturais existentes na paraxe". Critican, entre outras cuestións,o paso de vehículos polas zonas verdes, o lixo "esparramado" por todo este espazo ou os danos ocasionados polas vibracións e emisións sonoras.
Aseguran ademais que se antes de dito evento, as esculturas "xa presentaban signos vandálicos e de abandono, agora, xusto despois do mesmo, a incidencia destes signos denota unha patente e continúa degradación". Aínda que a súa denuncia non se limita tan só ao Surfing The Lerez senón que protestaron formalmente pola celebración, o pasado domingo, dunha cacharela de San Xoan, organizada pola comunidade de montes de Lérez.
A resposta municipal a este escrito chegou por boca do portavoz do goberno local, Raimundo González. Recordou que a Illa das Esculturas é un espazo de "uso público" e ironizou asegurando que o que se desprende deste malestar é que "escoce" que o que se celebrou alí sexa un concerto de rock. Neste sentido, recordou que este espazo xa acolleu noutras ocasiones concertos de música clásica e outro tipo de eventos "e non pasou nada".
Sobre este asunto pronunciouse tamén a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. Fíxoo, en primeiro lugar, para negar que Surfing the Lerez provoque "ningún tipo de dano" na Illa das Esculturas. "Fixemos todas as comprobacións ata antes de ter recibido este escrito e podemos asegurar que todo transcurriu sen incidentes de ningún tipo", explicou. E tras iso reiterou que se seguirán programando actividades lúdicas, culturais ou deportivas nela.
Anxos Riveiro sinalou que a Illa das Esculturas, tamén denominada Illa do Covo, foi recuperada "grazas ao esforzo de todos os pontevedreses" e co obxectivo, apuntou, de que servise para uso e goce da cidadanía. "Queremos que a xente a goce, que a coñeza e comprobe ou seu valor natural, pero para iso hai que levala ata alí", sinalou. Nesa iniciativa enmarca o programa FaiPonting, posta en marcha recientemente.
A concelleira nacionalista explicou que coa posta en valor do Pazo da Cultura e a Illa das Esculturas "faremos que ese espazo sexa coñecido", co que se conseguirá, na súa opinión, sexa "máis respectado e coidado" polos pontevedreses. Por iso é polo que insistise en que Surfing The Lerez foi un evento que "encaixa perfectamente nesa filosofía" e avanzase que se seguirán celebrando alí iniciativas deste tipo.
Con respecto á cacharela de San Xoan, Anxos Riveiro recordou que ademais de ser un espazo público, a Illa das Esculturas ocupa uns terreos que son propiedade da comunidade de montes de Lérez, polo que instou a que se compatibilicen os seus usos, "mostrando sempre o maior dos respectos por toda esta contorna natural" con actividades que, insistiu, "non buscar facer dano a ninguén".