Galicia consolídase como destino turístico de calidade
Por Redacción
Os bos datos do turismo na presente campaña avalan a Galicia como un destino moi valorado polos viaxeiros de todo o mundo.
Así o demostra o feito de que fose a Comunidade española onde máis creceu o turismo no primeiro semestre do ano. Ou os máis de 200.000 peregrinos que percorreron este ano algún dos dez itinerarios oficiais do Camiño de Santiago cos que conta e que nun 98,7% dos casos recomenda vivir a experiencia.
O de Galicia é un modelo de turismo tranquilo, hospitalario e sustentable, polo que a Xunta, da man dos profesionais do sector e grazas ao carácter acolledor dos galegos, traballa tamén durante este verán.
É un turismo que busca o contacto co territorio e o respecto ao medio ambiente, que profunda na autenticidade de Galicia, naquilo que a identifica e a diferencia doutros destinos. Un turismo que tamén traballa por mellorar a calidade de vida da poboación local, con especial incidencia en zonas rurais da costa e o interior, creando emprego, diversificando a economía e potenciando o consumo de produtos autóctonos.
O turismo representa o 10% do PIB de Galicia e xera o 11% dos postos de traballo. E é que máis aló do propio sector, ten un importante efecto arrastre noutros ámbitos como pequeno comercio, agricultura e pesca, construción, empresas téxtiles ou asesoría de empresas, entre outros.
Para permitir que os beneficios do turismo cheguen a todo o territorio e propiciar unha descentralización dos fluxos turísticos, preto de 130 concellos galegos poderán mellorar en 2019 as súas infraestruturas turísticas grazas á colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, que nos últimos tres anos investiu máis de 8 millóns de euros en aspectos de embelecemento, sinalización ou accesibilidade.
Tamén o Goberno galego colabora economicamente coas máis de 140 festas de Interese Turístico Internacional, Nacional e de Galicia ou con axudas ás entidades locais para a contratación de profesionais para as súas oficinas de turismo. Ademais, está en marcha o Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos, destinado a modernizar e adaptar os establecementos ás necesidades actuais dos clientes.
Estas medidas complétanse co traballo que leva a cabo Galicia para avanzar na configuración dun destino comprometido, que se preocupa por ser sustentable e por dar a benvida os viaxeiros que recibe. Porque para que os turistas se senten en Galicia como na casa, a Xunta está a consolidar unha oferta turística diversificada e desestacionalizada apoiada en valores autóctonos.
Este verán, por exemplo, é o primeiro no que se pode participar de experiencias turísticas como 'Un paseo de historia e vida', presentada na última edición de Fitur con toda unha serie de percorridos por preto de 30 centros históricos que pretenden fomentar o coñecemento do patrimonio, pero tamén o comercio local e a gastronomía de proximidade.
E seguen en marcha iniciativas que poñen en valor oficios como a pesca ou as actividades nas lonxas ou visitas a adegas para coñecer o traballo do sector vitivinícola galego, entre outras. Con medidas como estas, e coa vista posta na oportunidade que supón o Xacobeo 21, a Xunta traballa para seguir construíndo a mellor Galicia para visitar, que debe ser ao mesmo tempo a mellor Galicia para vivir.