Aprazada pola choiva a Festa do Río
Por Redacción
O Concello da Lama decidiu aprazar ao martes 13 de agosto a celebración da Festa do Río, prevista para este venres, ante a inestabilidade atmosférica con alta probabilidade de choiva e a baixada drástica das temperaturas.
O equipo de goberno pretende así facilitar unha maior presenza de público para asistir á actuación do humorista Pepo Suevos e á verbena amenizada polo dúo Prisma. No transcurso da celebración da Festa do Río terá lugar tamén a degustación gratuíta duns 300 quilos de mexillón que serán preparados ao vapor.
Así mesmo, nas inmediacións da praia fluvial onde se instalou un palco, terán lugar as ceas populares xa que os asistentes terán a oportunidade de adquirir churrasco a prezos populares e tamén filloas.
A Festa do Río poñerá o punto e final ás actividades programadas este ano polo Concello da Lama dentro do "Verán Cultural" aínda que continuarán as previstas desde a Axencia Local de Lectura e a Oficina de Información Xuvenil (OMIX).