A Xunta impulsa a pesca e o marisqueo sostibles
Por Redacción
Galicia é un referente mundial no sector pesqueiro, cunha frota cada vez máis especializada na extracción responsable dos recursos e a venda de máis de 240 especies distintas ao longo de todo o ano.
O sector pesqueiro galego alcanzou un alto grao de profesionalización, que lle permite mellorar as condicións da extracción e favorecer unhas vendas en aumento.
A Xunta de Galicia investiu esforzos no apoio e fomento do sector pesqueiro. As campañas de promoción dos produtos galegos que ten en marcha a Consellería do Mar constitúen unha das accións máis efectivas para promover este sector estratéxico no consumidor final.
Con O mar que nos move a Xunta pon en valor a frescura dos produtos da pesca artesanal de Galicia, a calidade de produtos como o mexillón, os recursos de tempada como o bonito ou a pesca responsable que realizan os pesqueiros galegos, entre outros.
Esta campaña da Consellería do Mar é a acción principal que engloba outras iniciativas máis específicas e cunha importante traxectoria e resultados nos últimos anos. É o caso do selo de calidade PescadeRías, para amparar os produtos comercializados pola frota de baixura e destacar a súa frescura e calidade, ou Aquí facémolo bonito, para resaltar as calidades desta especie de tempada. Ese traballo de promoción dos produtos compleméntase ademais con outras actividades para fomentar o seu consumo entre os máis novos e divulgar os valores nutricionais de todos os peixes e mariscos galegos, tanto frescos como en conserva, como O sabor da aventura está no mar ou Ponlle as pilas ao teu bocata, que chegaron xa a máis de 110.000 escolares de Galicia.
Estas campañas e accións da Xunta son especialmente necesarias nunha comunidade que comercializa ao ano nas súas lonxas ao redor de 180.000 toneladas de produtos de mar. O obxectivo é que os profesionais do mar logren mellores rendas polo seu traballo grazas á valorización do produto e a través da mellora da súa cotización nos centros de primeira venda. As lonxas galegas marcaron en 2017 o seu récord de facturación ao superar os 500 millóns de euros de ingresos, unhas cifras que estiveron preto de alcanzar o ano pasado, cando a cifra de negocio superou os 490 millóns de euros.
Estas grandes cifras do sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia débense á gran variedade de produtos que se extrae da despensa que é o mar galego e son froito dunha xestión racional e sostible dos recursos. Unha boa mostra é o sector marisqueiro, que o ano pasado logrou a súa mellor cifra desde que hai datos en canto a facturación, con máis de 86 millóns de euros ingresados, e 9.500 toneladas de moluscos bivalvos comercializadas nas lonxas galegas.
En canto á produción de mexillón, Galicia sacou ao mercado o ano pasado máis de 278.000 toneladas deste molusco bivalvo, unha cifra que permitiu facturar aos profesionais do sector máis de 128 millóns de euros.