O Concello e a comunidade de montes da Lama deseñan un novo carreiro na contorna da praia fluvial
Por Redacción
O Concello e a Comunidade de Montes da Lama ven de iniciar os traballos necesarios para dotar ao municipio dun novo carreiro que discorrerá por un trazado dun quilómetro, aproximadamente, entre a praia fluvial do río Verdugo e a área recreativa creada polos comuneiros en Racelo e onde os escolares do CEIP da Lama realizaron varias plantacións de árbores autóctonas.
Os traballos iniciáronse a través da limpeza e roza do trazado que discorre paralelo ao río Verdugo e descobre as agrestes paisaxes con pozas, remansos e zonas de baño que atesoura este afluente lamense.
O trazado de fácil acceso, verase mellorado paulatinamente a través da actuación combinada entre o Concello e a Comunidade de Montes e permitirá aos bañistas e visitantes realizar un pequeno percorrido entre a praia fluvial e a área recreativa de Racelo unindo dúas zonas de especial atractivo turístico e de goce natural no municipio.
Con esta iniciativa, o Concello da Lama e a Comunidade de Montes pretenden poñer en valor os atractivos naturais existentes nas marxes do río Verdugo e facilitar a accesibilidade aos propios residentes no municipio e aos numerosos visitantes que se achegan ata a praia fluvial para que poidan penetrarse na beleza natural e paisaxística que atesoura o municipio.
O proxecto que manexan o Concello e a Comunidade de Montes contempla tamén a delimitación cun valo perimetral en madeira de parte do percorrido, para manter o carreiro á marxe do acceso de animais, como vacas, que son criadas nas leiras das extremas á vez que enmarca mellor o percorrido previsto. Tamén se corrixirán fochas e zonas afectadas polas crecidas do río para facilitar o paso.
Ademais barállase a posibilidade de recuperar unha vella pasarela de madeira que desapareceu por acción de fórzaa da auga do río e que operaba a modo de " pontella" para facilitar o paso dos viandantes.
O Concello da Lama está a recuperar un bo número de roteiros de sendeirismo que están a ser homologadas pola Federación Galega de Montañismo e que compoñen un amplo circuíto atractivo para os amantes desta práctica deportiva e do encontro coa natureza.
En breve o Concello habilitará unha maior promoción dos seus roteiros entre os amantes do sendeirismo non só na provincia de Pontevedra senón tamén en toda Galicia e norte de Portugal co fin de favorecer o coñecemento e desenvolvemento do turismo verde e natural a todos os niveis.