Proxectan unha nova zona de lecer axardinada nunha parcela de Mollavao
Por Redacción
O servizo municipal de Parques e Xardíns traballa no deseño dunha proposta para converter nunha nova área de lecer axardinada a pequena parcela situada entre o parque de educación vial de Mollabao e a rúa Rosalía de Castro, baixo a ponte da autoestrada AP-9. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, encargou o estudo deste proxecto coincidindo cunha visita sobre o terreo ao barrio pontevedrés, na que estivo acompañado polo voceiro veciñal Juan Sáenz.
Nunha camiñada por diferentes puntos de Mollabao, Sáenz amosoulle a Puentes o mal estado de conservación no que se atopan algúns dos espazos do contorno da pista de skate e do parque de educación vial, coa maleza crecendo sen control. O voceiro de ‘Mollabao si’ e o concelleiro do PSOE falaron sobre a necesidade de darlle un impulso a tres importantes proxectos: facer o paseo a Marín dende o barrio de Mollabao, despexar administrativamente o futuro da finca de Malvar e sanear e ordenar a parcela na que se instala o circo.
A estas actuacións sumaríase o plan previsto polo Concello de Pontevedra para humanizar o treito de Rosalía de Castro que discurre entre Manuel del Palacio e a finca de Malvar, e que se traduciría no ensanchamento de beirarrúas e na súa transformación nunha rúa cun só carril e sentido único de circulación.
Á marxe destes proxectos, Puentes avanzou a súa intención de executar intervencións a medio prazo para mellorar a faciana do barrio e mantelo en boas condicións. Entre outras, un zafarrancho de limpeza e desbroce "do regato da Fontesanta (que discorre en paralelo á pista de skate e de Rosalía de Castro), e da franxa verde que circunda o parque de educación vial". "Son zonas que precisan unha actuación urxente, xa que se atopan infestadas de malas herbas, silvas e maleza ", indicou.
No que atinxe á pequena parcela baixo a ponte da autoestrada, entre Rosalía de Castro e a pista de educación vial, o concelleiro de Medio Natural lembra que se trata dun "lugar habitual de encontro dos veciños", polo que tería sentido "acondicionala cun tratamento de zona verde".
Relacionadas:
-
O regato de Fontesanta emerxe en Mollabao
Por Redacción |
-
Comeza a limpeza integral do regato de Mollabao e a contorna da Casa do Mar
Por Redacción |
-
A contorna da Casa do Mar e o regato de Mollavao serán limpados en profundidade
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Monte Porreiro di adeus ás malas herbas
Por Almu Dapena |
-
Os veciños de Mollabao insisten nas súas protestas para reclamar a reforma do barrio
Por Diego Espiño |