Nace PONMO, unha pasarela de moda que "ni pretende ser lo que había ni pretende competir con lo que hay"
Por Alejandro Espiño
Pontevedra contará cun novo certame de moda. Nace PONMO, un evento diferente e estruturado, por igual, ao redor das propostas das firmas e deseñadores consagrados e de creadores noveis. Foi presentada este xoves, na terraza do Centro Social de Novacaixagalicia, pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román. Estivo acompañada do modista redondelán Gene Cabaleiro, quen actuou como padriño dunha pasarela que nace con vocación aberta e integradora.
Como adiantou PontevedraViva, PONMO (Pontevedra Moda) é cambio, tendencia e creación. Un intento de volver posicionar á cidade no circuíto da moda cunha estética renovada, acorde co momento actual. Naceu froito da enerxía dun grupo de mozos e mozas pontevedreses que soñaron cunha pantalla onde exhibir as propostas dos deseñadores e facilitar as relacións coas empresas e os seus clientes en xeral, con todos os profesionais e consumidores de moda.
O evento, que se celebrará entre o 26 e o 28 de setembro, estará montado no Recinto Feiral, estrutúrase en catro apartados complementarios. En primeiro lugar, un Showroom que contará coa participación de empresas interesadas en amosar e promocionar as súas coleccións de roupa e complementos. O segundo apartado é a Pasarela que, a súa vez, estará dividida en pases dos deseñadores presentes no Showroom e un desfile final de deseñadores consagrados.
A terceira parte é o Certame PONMONovo, que terá formato concurso, reservado ás propostas dos deseñadores noveis, que deberán presentar microcoleccións compostas por seis estilismos. Un xurado cualificado fallará os premios correspondentes á mellor colección e ao mellor estilismo. E finalmente, haberá actividades en espazos públicos da cidade, que están aínda concretándose e serán anunciados máis adiante.
Os participantes en cada unha das actividades serán revelados cara o mes de agosto, unha vez que pechen os períodos de inscrición e se vaian materializando os contactos previos que xa se están a manter.
Durante a presentación, Carlota Román definiu PONMO como "una apuesta valiente por cubrir un hueco que quedó". Non obstante, recalcou que esta nova plataforma da moda "ni pretende ser lo que había ni pretende competir con lo que hay". Afirmó que es "un producto diferente, con gente diferente y con espíritu diferente" e engadiu que está impregnada de vocación acolledora e "nace con los brazos abiertos para hacer sitio a quien tenga ganas de trabajar y algo que aportar".
Concluíu que PONMO "es una declaración de amor por Pontevedra y por el talento pontevedrés". Finalmente, presentou ao padriño do acto: Gene Cabaleiro, unha das figuras históricas da moda galega e cun currículum que recolle a súa participación na pasarela Gaudí e mesmo en feiras como o Olimpia de Londres, o Pitti Uomo de Milán, Colonia, Nova York ou a feira do téxtil masculino de París. Persoeiros tan coñecidos como John Travolta, Elton John ou Pedro Almodóvar vestiron a súa roupa.
Gene Cabaleiro mostrou a súa satisfación polo nacemento de PONMO, xa que asegurou que a estas alturas da súa carreira "en la moda ya sólo creo en lo nuevo, en la gente joven, en las personas que hacen cosas diferentes". Neste sentido, destacou que fronte a empresas como Inditex ou Mango, "la moda cada vez más es terreno para la ropa diferente, productos de diseño y, mucho mejor, si son vendidos por uno mismo".
Relacionadas:
-
As novas tendencias da moda galega, en Pontevedra: 20 deseñadores e cinco empresas estarán en PONMO
Por Alejandro Espiño |
-
PONMO busca modelos de pasarela. Apúntaste ao casting?
Por Redacción |
-
PONMO mostrará a moda de deseñadores recoñecidos e incluirá un premio aos novos valores
Por Natalia Puga |
-
Desaparecida Pontus Veteris, chega a pasarela PONMO
Por Oskar Viéitez |