Vaipolorío agarda os resultados dun estudo da Universidade de Vigo para destapar o río Gafos
Por Oskar Viéitez
A asociación Vaipolorío está á espera dos resultados dun estudo económico e ambiental encargado á Universidade de Vigo sobre o proxecto para descubrir o tramo urbano do río Gafos.
Trátase do traballo de fin de carreira Estudo para a descuberta e recuperación ambiental do río Gafos ao seu paso pola cidade de Pontevedra, de María del Mar Garza, unha alumna da Escola de Enxeñaría Forestal, que está a ser tutelado polo director da Escola, Enrique Valero.
O proxecto propón destapar toda a canle de formigón que conduce o río polo paseo peonil de Campolongo entre alcalde Hevia e Xeneral Rubín. Unha canle de 525 metros construída a principios dos anos 70, cando se urbanizou o barrio. Unha vez concluído o proxecto universitario, a asociación ecoloxista presentará os resultados ao Concello de Pontevedra, á Deputación e á Consellería de Medio.
Dende a súa constitución no ano 2001 esta foi unha das aspiracións de Vaipolorío que empeza unha nova campaña de limpeza do río Cocho en Figueirido, Toxal en Bértola, Tomeza en Tomeza e Salcedo, e Gafos no tramo urbano.
"Cada campaña e continuidade da anterior, é certo que cada vez hai menos lixo, aqueles voluminosos xa non están, hai plásticos, botellas... traballo de mantemento sempre hai que facer", sinalou o presidente da asociación, Gonzalo Sancho "para este ano temos prevista a recuperación da vexetación propia de ribeira", adianta.
"Neste río estamos indo para atrás", lamenta Gonzalo Sancho
Vaipolorío detectou no seu último estudo 24 verteduras no Gafos, dos que só tres son en Vilaboa mentres que o resto son de Pontevedra, once no tramo urbano e os outros dez na parte rural "neste río estamos indo para atrás", lamenta Gonzalo Sancho.
Trátase dun labor incansable para o que Vaipolorío desexaría sumar máis axuda. E é que este colectivo está conformado por apenas 25 persoas, aínda que contan coa colaboración ocasional doutras entidades como o Centro Penitenciario da Lama, o Juan XXIII, Arela... "pero precisamos unha renovación, xente máis nova que veña aquí con ganas e ideas". A man está tendida.