Cuspedriños celebra este domingo unha nova edición da Rapa das Bestas
Por Redacción
A aldea cotobadesa de Cuspedriños, na parroquia de San Xurxo de Sacos, celebra este domingo, 4 de agosto a súa Rapa das Bestas, unha práctica ancestral de gran espectacularidade que mistura valor e tradición e que ten como obxectivo á corta das crinas dos cabalos salvaxes que residen todo o ano en liberdade nos montes da contorna.
Esta rapa, unha das máis importantes e singulares de toda Galicia, celebrouse ata o ano 2015 e tivo que suspenderse durante os dous veráns seguintes, pero a persistencia e o traballos dos veciños e os gandeiros de Cuspedriños permitiu recuperala, con gran éxito, o ano pasado.
A cita de Cuspedriños comezará o domingo ben cediño cando aloitadores e voluntarios se reúnan para acudir a xuntar as greas de bestas nos montes da zona.
En principio está previsto que se congreguen decenas de cabalos que partirán do peche do Alto de Cuspedriños ao mediodía para chegar, un pouco máis tarde, ata a aldea e metelas no curro.
Tras a entrada das reses no recinto procederase á separación dos poldros, unha labor na que poderán participar os rapaces co obxectivo de que se vaian introducindo nesta tradición e poidan recoller o testemuño da rapa no futuro. As crías introduciranse nunha especie de corte anexa ao curro co propósito de protexelas de golpes e posibles feridas durante as tarefas propias da rapa.
Despois do xantar campestre, e dende as 17.00 horas, chegará un dos momentos máis agardados coa tradicional Rapa das Bestas, que conta cun gran atractivo, xa que ao valor dos aloitadores de Cuspedriños –aínda que poderá participar calquera persoa maior de idade que o desexe baixo a súa responsabilidade– se engaden a beleza do curro, considerado un dos máis bonitos de Galicia, e o seu impresionante emprazamento no medio da carballeira.
Finalmente, e xa sobre as 20.00 horas, producirase o habitual sorteo, tamén no curro, en base ás rifas vendidas ao longo da festa entre os asistentes. Con esta actividade preténdese acadar certa recadación para tratar de ter recursos para manter esta tradición nos vindeiros anos.
A Rapa das Bestas de Cuspedriños, cuxa organización conta coa colaboración do Concello de Cerdedo-Cotobade, é, en palabras do alcalde, Jorge Cubela, "unha das festas máis importantes do noso concello polo que ten de única, de singular e de tradicional, polo que dende o goberno local botamos unha man en todo o que podemos co obxectivo de que se manteña no futuro, algo que sería impensable sen o enorme traballo da xente de Cuspedriños". Por todo elo, quixo convidar a todos os veciños do municipio e de toda a provincia a que se acheguen este domingo "para gozar da sensación de vivir unha tradición única e especial centrada na convivencia nobre entre o home e a natureza".