A Deputación inviste un millón de euros nas obras de conservación do firme das estradas provinciais
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra vai investir ata finais deste ano máis dun millón de euros nas obras de conservación de firmes en tramos distintas estradas da rede viaria provincial, como informou este venres a presidenta, Carmela Silva, quen destacou que estes traballos "son fundamentais para a seguridade viaria" e con eles a institución segue a súa aposta de manter as vías provinciais nun estado perfecto de mantemento.
As obras, que inclúen traballos de saneo, fresado e reposición de firmes e a aplicación dunha capa de microaglomerado en frío e a reposición da sinalización horizontal, foron adxudicadas á empresa Ovisa Pavimentos e Obras S.U. e o prazo de execución é de catro meses. Os traballos realizaranse en 35 tramos de estradas dos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Cangas, Marín, Bueu, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Campo Lameiro.
Máis polo miúdo, o tramo máis longo no que realizarán actuacións é un de 10,4 quilómetros da EP-8001 Caldas-Carracedo-Catoira, pero tamén están previstos, entre outros, traballos de mellora na EP-0103 nun treito de 5,3 quilómetros no lago de Castiñeiras ou nos accesos ás praias de Lapamán, Lagos e Beluso en Bueu.
Estas obras, como engadiu Silva, realízanse ao abeiro do acordo marco de obras de conservación de firmes nas vías provinciais que se puxo en marcha o pasado ano pola Deputación de Pontevedra. A través deste acordo, dividiuse a provincia en cinco zonas, nas que cinco empresas diferentes son responsables das obras de mellora do firme necesarias. Neste caso, os concellos beneficiados son os da zona A, que tamén inclúe Poio e Moaña, aínda que nestes concellos non están previstas obras nestes vindeiros catro meses, xa que hai traballos en marcha.