Queda en liberdade a cambadesa detida por tentar matar os seus pais queimando a súa casa
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 2 de Cambados decretou a posta en liberdade sen fianza para a muller duns 40 anos detida este martes por plantar lume á casa dos seus pais con eles dentro para presuntamente acabar coa vida de ambos.
A muller recoñeceu os feitos ante a Garda Civil de Cambados e, tras pasar a noite nos calabozos do cuartel, este mércores pasou ao dispor do Xulgado de Garda. Na vista celebrada, a Fiscalía non solicitou o ingreso en prisión, pero si pediu ao xulgado que condicione a súa posta en liberdade a que se lle realice unha avaliación psiquiátrica e reciba tratamento.
Así, a resolución xudicial implica que a posta en liberdade está condicionada ao seu ingreso hospitalario para a súa avaliación psiquiátrica e tratamento, en caso de ser necesario, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A muller está investigada por dous delitos de homicidio en grao de tentativa. O incendio provocou danos estruturais importantes na vivenda, pero finalmente non causou danos persoais.
O lume iniciouse pouco antes das sete da mañá no interior da casa familiar, situada na parroquia cambadesa de Corvillón. Nese momento, estaban no interior da vivenda os pais, duns 80 anos, e a filla, duns 40.
Os veciños chamaron ao 112 Galicia minutos antes das sete desta mañá para pedir axuda despois de escoitar berros de auxilio e mobilizáronse os Bombeiros do Salnés e os membros do servizo local de Protección Civil para apagar o lume. Unha vez alí, atoparon aos pais, que lograran saír polos seus propios medios da vivenda e estaban a salvo, pero preocupados porque a súa filla estaba dentro da casa, pero non aparecía.
Pouco despois, apareceu no lugar a filla. Acabou recoñecendo á Garda Civil que o lume o causara ela mesma e mesmo lles relatou o motivo, que sería acabar coa vida dos seus pais.