Montalvo acolle unha nova edición da Feira Gastronómica de Produtos Galegos
Por Redacción
A Asociación Cultural San Cayetano de Arra, en colaboración co Concello de Sanxenxo, organizará esta próxima fin de semana a vixésima edición da Feira Gastronómica de Produtos Galegos en Montalvo.
A feira contará con varias exposicións de artesanía galega e casetas de produtos tradicionais como mel, licores, queixos, doces e viños.
O inicio da festa está previsto para o venres día 2, cando ás 12.30 horas abrirán as casetas de degustación e as exposicións. Pola noite haberá a actuación de Cincoenzocas e un dúo musical a partir das 22.00 horas.
Será o sábado cando, a partir das 12.30 horas, póidase gozar outra vez das casetas e ás 13.00 horas celebrarase unha misa cantada na capela de Arra, con música e baile a cargo dun grupo de gaitas ao terminar.
Ás 13.30 horas terá lugar a presentación do roteiro do Padre Sarmiento e a continuación actuará o grupo Airiños de Vigo.
A noite de sábado continuará co V Serán dos Loureiros, a partir das 22.00 horas, no que todos os grupos participantes estarán convidados a un aperitivo e os dez primeiros en anotarse, ademais, terán un agasallo especial. Para terminar a noite farase unha queimada gratuíta para os asistentes e haberá unha actuación dun cantautor.
O domingo día 4 haberá obradoiros para nenos de cestería e cerámica e ás dúas da tarde clausurarase o IV certame de pintura rápida. Unha actuación de Soalleira poñerá o broche final.