Licitan o acondicionamento interior da Casa do Pobo de Cutián
Por Redacción
Catro meses de prazo. É o tempo que terá a empresa elixida polo Concello de Cerdedo-Cotobade para executar o acondicionamento interior da Casa do Pobo de Cutián, actuación na que se investirán 55.100 euros.
Este proxecto, que foi solicitado polos veciños, pretende dar continuidade á primeira fase, acometida polo Concello no ano 2015 e consistente na realización de toda a envolvente exterior con cuberta, carpintaría e construción das cámaras e algunhas obras no interior.
Esta próxima fase, que quedará adxudicada neste verán, inclúe a execución das distribucións interiores na planta baixa quedando unha gran sala diáfana de 90 metros cadrados.
Ademais, acometeranse os acabados interiores con revestimentos, baños, teitos e carpintaría de madeira, as instalacións de servizos como electricidade, fontanaría, saneamento, cociña e calefacción, os sistemas de ventilación e evacuación de augas residuais e a adecuación exterior con rampla de acceso, soleira e sendas de aproximación para vehículos e peóns.
Tras esta actuación, segundo o goberno municipal, quedarán só outras catro para completar o Plan de Centros Veciñais e as seguintes serán as de Fentáns, onde o Concello xa adquiriu a parcela, e Tenorio, onde está a piques de licitarse o seu proxecto con auditorio e salas de formación cun investimento de máis de 600.000 euros.
Con estes proxectos xa só quedarían Corredoira, pendentes de comprar o local ao Estado, e Carballedo, onde se busca a localización idónea.
Relacionadas:
-
Todo listo na Casa do Pobo de Cutián e pendente da inauguración
Por Redacción |
-
A recta final do Plan de Centros Veciñais arranca coa reforma da Casa do Pobo de Cutián
Por Redacción |
-
O Concello compra a Casa do Pobo de Corredoira por 25.199 euros
Por Redacción |
-
A Casa do Pobo de Corredoira xa é de propiedade municipal
Por Redacción |
-
Viascón estrea unha Casa do Pobo renovada e accesible
Por Redacción |
-
O novo local social de Tenorio custará 300.000 euros
Por Redacción |