Propoñen reconducir o tráfico á Variante de Marín para evitar atascos nos días de festa
Por Redacción
O PSOE de Marín reclama ao grupo de goberno do Partido Popular que estude novas medidas para evitar os "enormes atascos de tráfico" que se rexistran na vila cando coincide algún evento festivo no centro co regreso de turismos das praias.
Segundo os socialistas, este verán xa se produciron retencións que superaron a hora e media de duración. Ante esta situación, piden que se aborde unha análise para estudar alternativas co obxectivo de derivar a maior parte do tráfico á variante de Marín. Entenden que o tramo urbano de Concepción Arenal é incapaz de asumir a presenza de numerosos vehículos procedentes dos areais.
Para o PSOE non é suficiente con sinalizar indicando que a variante é o "desvío recomendado" senón que propón pechar ao tráfico determinadas estradas ou rúas para reconducir aos vehículos cara á variante, ademais de establecer un plan no que se informe aos condutores de turismos aparcados nas praias sobre os mellores roteiros para o regreso, reforzar o dispositivo de tráfico da Policía Local, que para os socialistas é "exiguo" e mesmo recorrer á colaboración de integrantes de Protección Civil.
Ademais, desde a agrupación socialista denuncian a problemática que se xera tamén no tráfico rodado durante as actuacións das orquestras na Praza de España ao manterse a circulación pola avenida de Ourense.