Ningún deputado do PPdeG apoia prohibir os touros en Galicia como pediron BNG, PSdeG-PSOE e AGE
Por Redacción
Pontevedra poderá seguir celebrando corridas de touros. Polo menos, de momento. A proposición de lei impulsada polo BNG, que pretendía declarar Galicia como territorio libre de corridas de touros, foi rexeitada polo Partido Popular. Malia que os populares deron liberdade de voto aos seus deputados, ningún dos 40 parlamentarios do PPdeG (faltaba Pilar Rojo por problemas de axenda) votou a favor desta iniciativa.
Tamén o PSdeG-PSOE deu liberdade de voto aos seus deputados, aínda que neste caso todos eles apoiaron prohibir as corridas de touros en Galicia mediante a modificación da lei de protección de animais domésticos e salvaxes en cautividade, do mesmo xeito que os parlamentarios de BNG e Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). Os tres uníronse para esixir a prohibición de "os espectáculos de touros que inclúan a morte ou a aplicación de pica, banderilla ou estoque".
Durante a súa intervención, Ana Pontón, deputada do BNG, mostrou unha foto dunha corrida de touros en Pontevedra na que estaban Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy. "Non cremos que sexa cultura, son actos crueis, unha auténtica barbaridade", denunciou. A nacionalista asegurou que se se manteñen vivas as corridas de touros en Galicia é grazas aos "subsidios públicos", entre os que citou os outorgados pola Deputación de Pontevedra.
"Ningún dos 40 parlamentarios do PPdeG (faltaba Pilar Rojo por problemas de axenda) votou a favor desta iniciativa
Ana Pontón, que recordou que hai 200 anos a "esclavitude" estaba vixente, pero agora non, e que tamén se prohibiron outras prácticas como pelexas de cans "que tiñan seguidores", subliñou que as corridas de touros "non teñen arraigo cultural" en Galicia e tampouco forman parte da nosa "tradición" cultural. Ademais, recordou que varios estudos revelan que o 90 por cento dos galegos "aborrecen" as corridas.
Pola súa banda, desde as filas de AGE, a deputada Eva Solla indicou que "non se entende que se críen animais co único fin de asasinalos para goce e disfrute de persoas". Ademais, sinalou que non se pode argumentar o apoio das corridas de touros en base á non desaparición do touro de lidia, tendo en conta que "tal raza non existe". En todo caso, considerou que se esa é a cuestión, os defensores "non deberían ter problema en crialos sen matalos ou torturalos".
A terceira formación que apoiou que se prohibisen as corridas de touros foi o PSdeG-PSOE. A súa deputada Patricia Vilán lamentou que os populares non apoiasen esta petición e botou man dun texto de Antonio Machado no que cuestionaba as corridas de touros. Todo iso para censurar que se compare a festa coa "danza", que require un esforzo físico e preparación intelectual que, como dixo, "ningún dos deputados ou case ningún superaría".
UNHA PROPOSTA INNECESARIA PARA O PP
"Pontevedra fundárona os romanos e non todo o que pasa nela é culpa de Lores", dixo o BNG ao recordar o PP a Praza de Touros de Pontevedra
O encargado de expoñer a negativa do PPdeG a apoiar esta iniciativa foi o parlamentario José Santiago Freire. Retomando o argumento das deputadas de BNG, AGE e PSdeG-PSOE sobre as "escasas raíces e posible desafección" da tradición taurina e a "presenza localizada" das corridas de touros, fan "innecesaria esta modificación, posto que non existe risco de proliferación masiva".
Neste sentido, sinalou que nos últimos anos as corridas de touros mantéñense en sete anuais, localizadas en Pontevedra, A Coruña e Sarria, e os espectáculos vinculados con este animal á marxe das lidias diminuíron. A este respecto, José Santiago Freire recordou que a única praza de touros permanente é a de Pontevedra, onde goberna o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores.
Este comentario non sentou nada ben nas filas do BNG. Tras acusar aos populares de manter unha "postura hipócrita", Ana Pontón apresurouse en contestar ao deputado do PPdeG que o Concello de Pontevedra non dá axudas para as corridas de touros, senón que é a Deputación que preside Rafael Louzán, e ironizou con que "Pontevedra fundárona os romanos e non todo o que pasa nela é culpa de Lores".