Pontevedra alza a voz tras o asasinato machista de Vilalba: "Estamos na rúa porque non aturamos máis"
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/7c7/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5d375d4bc7-20190723-saiz-concentracion-violencia-genero-asesinato-machista-villalba-0030.jpg)
© Cristina Saiz
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/e57/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5d375fc218-img-20190723-wa0018.jpg)
© Cristina Saiz
"Estamos na rúa porque queremos poder ser libres, camiñar polas rúas sen medo e a calquera hora, poder separarnos das nosas parellas sen medo a que nos maten.
Porque non lle pertencemos a ninguén.
Porque non aturamos máis".
Así o reivindicaron este martes decenas de persoas ante a Audiencia Provincial de Pontevedra. Convocadas polo Colectivo Feminista de Pontevedra, concentráronse para mostrar a súa "rabia, impotencia e dor" ante o último crime machista rexistrado en Galicia, o asasinato de Mari Camen Vázquez, de 47 anos, o pasado domingo en Vilalba (Lugo) a mans do seu ex marido, Manuel Vázquez, de 50 anos.
Mari Carmen e o seu ex marido estaban en trámites de separación e el, que non o aceptaba, optou por sacarlle a vida primeiro a ela e logo a si mesmo. Antes de ser asasinada, Mari Carmen fixo o que supostamente se debe facer, denunciar e separarse do seu opresor. A pesar de que unha orde de afastamento presuntamente a protexía, non serviu para nada, de modo que as persoas que este martes saíron á rúa en Pontevedra reivindicaron que unha vez máis queda demostrado que as medidas da Xustiza e a protección que debería blindar ás vítimas de violencia de xénero "non son suficientes".
Os asistentes alzaron a voz para facerse escoitar e leron un manifesto no que quixeron insistir en que o foco do problema está na sociedade machista e patriarcal que é preciso erradicar e pediron á cidadanía que non mire cara a outro lado ante crimes como o de Vilalba ou o rexistrado este luns en Calpe (Alacante), así como en casos como a agresión a unha moza de 18 anos esta fin de semana en Vigo, vítima dun home que lle rompeu o nariz cando lle recriminou que estaba farta de aguantar comentarios e actitudes machistas.
A concentración tamén quixo pedir que a violencia machista se considere un problema social e político de extrema gravidade, para incidir en que nos últimos 5 anos máis de medio centenar de galegas foron asasinadas en casos de violencia machista e para esixir que a lei galega de violencia de xénero sexa efectiva..
A concentración contou coa presenza da concelleira pontevedresa de Igualdade, a socialista Paloma Castro, e da deputada do PSOE no Parlamento galego María Pierres, e dunha ampla representación do movemento feminista da cidade.
Idénticas reivindicacións realizáronse en Cuntis, onde decenas de persoas se concentraron na praza das Árbores da localidade.
Concentración contra as violencias machistas tras o crime de Vilalba
Decenas de persoas concentráronse ante a Audiencia Provincial convocadas polo Colectivo Feminista de Pontevedra para mostrar a súa "rabia, impotencia e dor" ante o asasinato de Mari Carmen Vázquez a mans do seu ex marido, Manuel Vázquez, o pasado domingo
© Cristina Saiz