ENCE recibe o certificado "Residuo cero" de AENOR para a súa fábrica de Pontevedra
Por Redacción
Cinco empresas españolas dispoñen do certificado ambiental "Residuo cero" que a entidade AENOR outorga a aquelas organizacións que levan a cabo unha xestión eficiente dos seus residuos e que son capaces de valorizalos. A última en recibilo é Ence Pontevedra.
O director da fábrica de Pontevedra, Paulo Gaia, e o director de Calidade e Medio da planta, Carlos Casas, foron os encargados de recoller este recoñecemento.
O certificado AENOR, segundo explica a compañía, acredita que Ence valoriza todas as súas fraccións de residuos, evitando que estes teñan como destino final o vertedoiro, e apoia a súa aposta polo modelo de economía circular e un compromiso pola sustentabilidade.
Ence asegura que a fábrica de Lourizán reutilizou a práctica totalidade dos seus residuos, un 99,1% do total, reciclándoos ou aproveitándoos de xeito enerxético, evitando que estes materiais acabasen en vertedoiros e reintroducilos na súa produción.
A actividade do complexo industrial, destaca a dirección da empresa, é un "exemplo" de economía circular, xa que en todo o proceso de produción da celulosa, a planta "produce e opera con materiais reciclables".
Ao mesmo tempo, xera enerxía eléctrica renovable a partir de biomasa e utilizando a lignina, un compoñente da madeira que constitúe un excelente biocombustible renovable e natural.
Reducir a intensidade enerxética e a pegada de carbono e avanzar no camiño da transición enerxética son, engade Ence, outros dos seus obxectivos de descarbonización marcados desde a Comisión Europea.