Rouban equipos de 30.000 e 50.000 euros a dous fotógrafos internacionais que cobren o Mundial de Balonmán
Por Natalia Puga
O Mundial Júnior de Balonmán que se está celebrando este mes en Pontevedra e Vigo está a ter un mal balance para os profesionais da fotografía que cobren a competición. Os fotógrafos da Selección Alemá e da Federación Internacional denunciaron o roubo dos seus equipos, valorados en varios miles de euros.
Fontes das comisarías da Policía Nacional de Pontevedra e Vigo e da Federación Española de Balonmán confirmaron os dous roubos, polos que se formalizaron denuncias e abríronse as correspondentes investigacións.
O primeiro en sufrir un roubo foi o fotógrafo de orixe francesa contratada pola Federación Internacional de Balonmán. No seu caso, tiña todo o equipo na habitación do hotel no que se hospeda na cidade de Vigo e ao mediodía do mércores 17 de xullo, cando saíu a comer, alguén entrou na súa habitación e levoullo.
O material subtraído está valorado nuns 50.000 euros, pois leváronlle dous computadores, un teléfono móbil, tres corpos de cámara fotográfica e varios obxectivos, todos de carácter profesional e prezo elevado, segundo detallou na denuncia presentada na Comisaría de Vigo.
Neste caso, unha das hipóteses que se manexa é que foi vítima dun roubo perfectamente organizado por parte dunha ou varias persoas que seguramente levaban días seguíndoo. Segundo indicaron fontes coñecedoras do caso a PontevedraViva, ese día cruzouse cunha persoa no ascensor que lle preguntou polos horarios da competición e fixouse na súa acreditación oficial. Tras iso, deixou o equipo na súa habitación, foi comer e, ao regresar, leváranllo todo.
Unha das hipóteses baralladas é que o ladrón quedou cos seus datos, pediu na recepción do hotel unha copia da chave de acceso á habitación e desvalixoulle. En realidade, resulta moi evidente que o obxectivo do roubo era o equipo fotográfico, pois tiña no cuarto outros obxectos persoais que poderían ter gran valor e non llos levaron.
O segundo roubo produciuse nas inmediacións do pavillón municipal da cidade de Pontevedra na noite do venres 19 de xullo. O fotógrafo oficial da Selección Alemá de Balonmán estaba a gardar o equipo nun compartimento dos baixos do autobús cando unha persoa chegou correndo, levoulle a bolsa e saíu correndo.
O fotógrafo, de orixe alemá, saíu correndo e mesmo se lesionou na persecución, pero non logrou nada, pois un coche xa estaba a esperar ao ladrón para escapar. No seu caso, o equipo roubado está valorado nuns 30.000 euros, segundo a denuncia formalizada na Comisaría de Pontevedra, e barállase que tamén se trata dun roubo perfectamente organizado no que os ladróns lle estaban vixiando.
O roubo de equipos de fotografía profesionais resulta ultimamente bastante frecuente en grandes eventos deportivos, nos que adoitan traballar profesionais con material moi caro que se converten en presas fáciles dos ladróns que se especializan nestes delitos. Trátase dunha especie de mafias que logo tentan colocar no mercado negro as cámaras e obxectivos.
Relacionadas:
-
Francia vence a Dinamarca nunha final anticipada do Mundial Júnior e plántase en semifinais
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
España cae por penaltis ante Alemaña e finaliza o Mundial Júnior de balonmán na décima praza
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Definidos os cruzamentos e horarios dos oitavos de final do Mundial Júnior de Balonmán
Por Diego Espiño |
-
España debuta este martes en Pontevedra no mundial júnior de balonmán
Por Redacción |