Sanxenxo presume de saúde económica e asegura que reduciu a débeda de 13,1 a 2,5 millóns en sete anos
Por Redacción
O Goberno local de Sanxenxo presume da súa boa saúde económica, que cualifica de "envexable", e saca peito de datos como a redución da débeda. Así, asegura que no ano 2012 era de 13,1 millóns de euros e a previsión é acabar 2019 con 2,5 millóns.
Esa redución importante da débeda tamén se rexistrou, segundo as cifras facilitadas polo Goberno local, noutros parámetros económicos como o déficit. Así, pasou de ter un déficit 7,7 millóns no ano 2011 a pechar 2018 cun superávit de 3,3 millóns.
O Concello de Sanxenxo facilitou estes datos este luns por mor da celebración dunha comisión de contas para estudar unha modificación de crédito por importe de 2,5 millóns de euros que levará a Pleno o próximo día 29 de xullo.
Esa modificación de crédito inclúe 807.117 euros que se destinarán a unha amortización extraordinaria de débeda con cargo ao remanente de 2018. Se a esta amortización, sumamos a que xa contemplaba o orzamento de 2019. de 886.386 euros, a débeda de Sanxenxo a finais deste ano será de 2.564.100 euros.
A 31 de decembro de 2018 a débeda era de 4,2 millóns, o 19% dos ingresos correntes, cando a lei de estabilidade orzamentaria permite alcanzar o 75%. A finais de 2019 baixará ata o 12%.
Ademais, esa modificación de crédito recolle destinar 686.099 euros con cargo a partidas do orzamento do 2018 para financiar as obras na rúa Progreso e o Pazo de Quintáns e outros 643.000 euros con cargo a diferentes áreas de gasto. Deles, 247.000 euros destínanse á contratación de auxiliares de policía e o resto transfírese a Turismo de Sanxenxo do que agora dependen todos os gastos de praias, socorristas ou balizamentos.