O Concello afrontará os gastos de mantemento da Casa da Cultura de Lérez
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Comunidade de Montes de Lérez, Martín Martínez Silva, asinaban este luns un convenio no Concello para que a administración local se faga cargo do mantemento da Casa da Cultura da parroquia de Lérez.
Este convenio asínase porque desde a Comunidade de Montes manifestouse ao goberno local que teñen dificultades económicas para facer fronte a todos os gastos derivados de reformas, consumo eléctrico e mantemento xeral que conleva este local.
Fernández Lores destacou que con esta sinatura se garante que este espazo continúe mantendo a súa actividade social e cultural. Pola súa banda, Martín Martínez afirmou que o colectivo se quita un peso grande de enriba. Mensualmente, os gastos ascenden a preto de 700 euros, derivados de contratos de limpeza, seguros, mantemento, auga e luz.
Agora estes gastos serán asumidos polo Concello de Pontevedra por un período de 25 anos, prorrogables a outros 25.