República Dominicana, interesada na Escola de Cantería e en proxectos emprendedores da Deputación
Por Redacción
Unha delegación da República Dominicana, encabezada polo vicepresidente de Fomento ás Medianas e Pequenas Empresas, Ignacio Méndez Fernández, e o cónsul en Galicia, Emilio Vicente Pérez; está de visita a Pontevedra.
Acudiron á Deputación de Pontevedra para impulsar liñas de colaboración entre ambas beiras do Atlántico. Acompañados por tres técnicos do Ministerio de Industria dominicano, foron recibidos pola presidenta provincial, Carmela Silva.
A delegación, tras o seu paso polo Pazo Provincial da Deputación, visitou a Escola de Cantería e a oficina SmartPeme de Pontevedra.
O viceministro asegurou que o seu país está "muy interesado" en que mozos do seu país poidan formarse aquí como canteiros. "Somos un pueblo muy creativo. Queremos mejorar la técnica y ver lo que se está haciendo en el mundo", explicou, xa que na República Dominicana "se trabaja mucho la piedra".
Ademais, quixo coñecer en profundidade os proxectos de apoio ao emprendemento que impulsa a Deputación e o programa SmartPeme.
No país dominicano, asegurou Ignacio Méndez, buscan fomentar a cultura emprendedora pero só un 3% das pequenas e medias empresas empregan as novas tecnoloxías, polo que sinalou que "tenemos muchos retos y muchas ganas de aprender en esta materia".
A igualdade, o compromiso co medio ambiente, o turismo, o tratamento de residuos sólidos e o proxecto de mobilidade foron outras das cuestións nas que afondou Carmela Silva para establecer liñas de acordo coa República Dominicana.