O Pazo de Cultura realiza unha 'posta a punto' antes da tempada de outono
Por Redacción
Antes de que chegue o outono e, polo tanto, o inicio dunha nova tempada de programación, o Pazo da Cultura de Pontevedra realizará unha intensa 'posta a punto' que afectará tanto ao interior como ao exterior destas instalacións.
Para estes traballos de acondicionamento e mantemento, aproveitarase os meses de verán, que son os menos actividade, de cara a acometer a nova tempada en condicións óptimas.
Estes traballos, que contan cun orzamento total de 31.114,53 euros, contemplan tres aspectos. Comezouse pola accións de limpeza nas fachadas, que debido ás súas dimensións deben ser realizados con medios especiais e, nalgúns casos, con mecanismos de elevación.
A empresa encargada da actuación, que comezou os traballos o pasado 6 de xullo, xa realizou a limpeza da pizarra da fachada na zona de entrada do Pazo e a retirada dos vinilos das cristaleiras do cubo da sala de exposicións.
Neste momento, está procedendo á limpeza dos cristais do auditorio desde o interior, para posteriormente proceder á súa limpeza desde o exterior e ao pintado da estrutura metálica (que enmarca os cristais) e do portalón de acceso.
Tamén está prevista a reposición de elementos deteriorados en diversas estancias do interior. Esta actuación está encamiñada ao mantemento de elementos de pouca envergadura pero de uso cotián e imprescindibles para a actividade e o funcionamento diario das instalacións.
Neste apartado inclúese a reposición de extintores, o intercambiador de aire acondicionado, o arranxo e reposición de accesorios en baños, a substitución de pezas deterioradas en todos os radiadores e a colocación de pratos de ducha nos camerinos e a reposición de luces.
Por último, tamén se contempla acometer a inspección periódica de baixa tensión e do centro de transformación. Trátase da inspección periódica obrigatoria para os locais de pública concorrencia, como é o caso do Pazo da Cultura, que acolle tanto a persoal propio como a persoas alleas que acoden a eventos, espectáculos e actividades recreativas.