Os Xogos Agrolímpicos enchen de diversión a parroquia de Xustáns
Por Redacción
Tremendamente divertidas. Así foron os Xogos Agrolímpicos que, por segunda vez, organizaron os veciños de Xustáns, en Ponte Caldelas, dentro da programación das festas da Virxe do Carme.
Un centro de veciños achegáronse ata o torreiro das festas e o adro da igrexa de San Martiño, os escenarios das "competicións" das distintas especialidades agrolímpicas.
O encestamento de espigas, o pelado de patacas coa peladura máis longa, a competición de debullado de millo, a arquitectura de cortello e o recheo de botella con vaso furado foron as primeiras probas da tarde.
Un dos momentos máis interesantes chegou co Agrotlón, combinación da carreira de sacos, carrexo de bloques, enchido de saco de espigas e carreira a fume de carozo ata a meta final.
Xa coa competición avanzada, a familia agrolímpica desprazouse ata o adro da igrexa de San Martiño, onde chegou a proba estrela, consistente no lanzamento de sacho. O gañador masculino alcanzou os 18,34 centímetros salvando con moita habilidade o obstáculo do cable das campás da igrexa. A campioa feminina alcanzou uns meritorios 11 metros.
A xornada agrolímpica concluíu coas carreiras de carretillos ao redor da igrexa e a competición de cantos de escorrentamento de paxaros. Un xurado "internacional" encargouse de dar as puntuacións aos participantes.