Os novos depósitos de auga incorpóranse ao plan contra os incendios de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Todo o territorio de Cerdedo-Cotobade ten, a un tempo máximo de dez minutos, un depósito de auga que pode ser utilizado para dar unha resposta áxil ante os posibles incendios forestais que se produzan. De aí que estes equipamentos veñan de ser incorporados ao novo plan municipal de prevención e defensa contra os lumes forestais.
O alcalde Jorge Cubela destacou que este novo plan será unha ferramenta "fundamental" para actuar contra estes lumes, actualizando o protocolo existente e converténdose, segundo destacou, nun dos "máis avanzados" de toda Galicia.
O documento determina a través de mapas as franxas de protección da biomasa para os máis de 200 núcleos do concello, que están fixadas en 50 metros dende a liña de edificabilidade, e tamén das vivendas illadas.
Así mesmo, tamén se incide nas necesarias zonas de roza de toda a rede viaria, tanto a de titularidade municipal como a pertencente a outras administracións, e na limpeza de espazos laterais de cinco metros para as liñas eléctricas.
O plan recolle todas as infraestruturas para a extinción dos lumes, destacando sobre todo os puntos de almacenamento e recollida de auga para helicópteros e motobombas e os cortalumes.
Neste punto, o documento fai unha análise precisa sobre a cadencia de descarga para determinar a axeitada cobertura do territorio, que queda atendido cun tempo de resposta de menos de cinco minutos para o 60% da súa superficie e que acada a cobertura global cunha isocrona de dez minutos.
Este rápido prazo de actuación acadouse grazas á construción de novos depósitos de auga por parte da Xunta, especialmente o que se puxo en funcionamento o pasado ano en Tenorio e que conta cunha capacidade de case 500 metros cúbicos.
"Este almacenamento estaba recollido no anterior plan e o executivo galego atendeu as nosas demandas e cumpriu para que teñamos na actualidade un áxil tempo de resposta e poidamos reducir os efectos dos lumes", asegurou o alcalde, que expón a necesidade de actuar "cada vez con máis contundencia" contra unha lacra que "causou moito dano" no municipio.