Rescatan unha muller no centro histórico á que lle ardeu a cociña
Por Redacción
Os bombeiros de Pontevedra rescataron onte á noite a unha muller de 76 anos que resultou intoxicada por inhalar fume debido ao incendio que se produciu na cociña do seu piso.
Segundo informou o 112 Galicia, o suceso produciuse sobre as once e media da noite nunha vivenda da Rúa da Ponte, no centro histórico de Pontevedra.
Foi a inquilina dun piso inferior a que se deu conta do fume que saía pola xanela da cociña e alertou ás autoridades.
O dispositivo de emerxencia, do que formaron parte tamén a Policía Local e os profesionais de urxencias sanitarias do 061, obrigou aos bombeiros a derrubar a porta da vivenda para rescatar á muller, á que atoparon tendida no chan.
A pesar de todo, a muller estaba consciente. Presentaba síntomas de intoxicación por inhalación de fume e, tras recibir osíxeno no lugar, foi trasladada por precaución a un centro hospitalario.
Os bombeiros, mentres tanto, sufocaron o incendio, que calcinou a campá extractora e afectou os mobles da cociña.