Moraña traballa nun proxecto para mellorar e ampliar a súa casa consistorial
Por Redacción
A casa consistorial de Moraña, situada no núcleo de Santa Lucía, presenta varios problemas que o goberno municipal quere solucionar.
De aí que o Concello veña de activar o proceso para redactar un proxecto que contemple diversas melloras no edificio, entre outras cousas, en materia de climatización e accesibilidade. Ademais, buscan reordenar os espazos e mesmo ampliar as instalacións.
A alcaldesa Luisa Piñeiro entende que as actuais instalacións son moi escasas para atender aos veciños e acoller axeitadamente ao persoal municipal.
De cara a este proxecto, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu a colaboración económica do goberno galego para executar esta actuación.
Este investimento súmase aos 570.000 euros que só a Vicepresidencia da Xunta outorgou a Moraña nos últimos anos.
Estes cartos serviron para acometer actuacións de eficiencia enerxética, melloras na casa da cultura, a recuperación zonas medioambientais, a mellora da rede de saneamento, a instalación de iluminación pública ou a repavimentación de vías.