Barro estrea a súa flamante piscina municipal
Por Alejandro Espiño
Tras case dúas décadas de espera, Barro xa conta coa súa propia piscina municipal. As instalacións están situadas nunha parcela de propiedade municipal no lugar de Outeiro, na parroquia de Santa María de Perdecanai, a apenas uns 500 metros do centro da vila e fronte ao instituto.
Este novo complexo deportivo foi inaugurado polo alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
A construción da piscina supuxo un investimento de case 340.000 euros, que foron financiados a través do Plan Concellos e do Plan de Reequilibrio da institución provincial.
O complexo está dotado de dúas piscinas, unha delas de 25x10 metros e outra para nenos de 8x6 metros. Ademais, urbanizáronse os terreos cun peche perimetral e un edificio de servizos con locais destinados a cafetería, vestiarios, socorristas e almacén. A parcela da piscina conta tamén con máis de 1.500 metros cadrados de céspede.
En canto ao horario, as instalacións estarán abertas de luns a sábado de 15 a 21 horas e os domingos permanecerán pechadas durante todo o día.
O feito de rematar as obras deste equipamento xa entrado o verán obriga ao Concello a poñelo en funcionamento sen axustar o regulamento de uso do mesmo no que se refire a horarios de apertura e ao control de acceso.
Estes aspectos poderán modificarse e serán aprobados definitivamente para os anos vindeiros unha vez se teña a experiencia de funcionamento do que resta de verán.
Carmela Silva, que descubriu unha placa xunto ao alcalde, declarouse "fan absoluta" desta piscina porque asegurou que "teño visto poucas dotacións deste tipo con este nivel, cunha estética marabillosa e, por enriba, cunhas vistas espectaculares".
Pola súa banda, o alcalde de Barro mostrou a súa ledicia por poder cumprir un dos obxectivos do seu goberno. "Estou seguro que ademais dunha instalación para refrescarse no verán, esta piscina será un espazo de convivencia", asegurou Xosé Manuel Fernández Abraldes, que destacou que os veciños xa non terán que desprazarse fóra de Barro para ir á piscina.
Relacionadas:
-
Arquivada a denuncia do PP contra o alcalde de Barro polas obras da piscina municipal
Por Oskar Viéitez |
-
O alcalde de Barro declarará como investigado no xulgado pola obra da piscina municipal
Por Natalia Puga |
-
A piscina municipal de Barro pecha as súas portas co fin do verán
Por Redacción |
-
A piscina municipal de Barro estará rematada "en maio ou xuño"
Por Redacción |
-
Barro adxudica o proxecto para a piscina municipal
Por Redacción |
-
Barro quere a súa propia piscina municipal
Por Redacción |