A Panadeira volverá a poñer en xogo o campionato mundial de colchonetas
Por Redacción
Unha das probas "deportivas" máis esperadas da comarca, o campionato mundial de colchonetas, regresa á praia da Panadeira. A undécima edición deste peculiar evento celebrarase o vindeiro domingo 28 de xullo.
O campionato, organizado pola Asociación Lúdica e Cultural O Cubreiro, permitirá aos participantes non só demostrar as súas calidades deportivas, senón tamén o seu sentido do humor para escoller un disfrace e un colchón que os distinga dos seus adversarios.
Como nas edicións anteriores, haberá tres carreiras xa que os participantes dividiranse en tres categorías. A partir das doce e media tomarán a saída os nenos e nenas menores de 10 anos e ao finalizar entregaranse os premios na praia.
Despois da súa finalización, sobre as 13:00 horas, terá lugar a proba para os nenos e nenas de 10 a 14 anos e os premios daranse unha vez finalizada a carreira tamén no citado areal. A carreira de adultos está prevista para a unha e media da tarde.
Haberá premios para os tres primeiros clasificados en cada unha das categorías, así como para os tres mellores disfraces e os colchóns máis orixinais. Ademais haberá premio ao mellor disfrace en grupo, que tamén constará dun primeiro, segundo e terceiro premio.
A inscrición comezará hora e media antes da carreira. Todos os participantes deberán contar con dorsal e adoptar as medidas de seguridade oportunas. Así, os de categoría infantil deberán participar obrigatoriamente cun chaleco salvavidas que se facilitará desde a organización.
O público poderá gozar deste espectáculo tanto na praia como ao longo de todo o paseo, participando activamente dun evento que ano tras ano atrae a xente de toda Galicia.