Aprendendo a compostar desde cativos
Por Redacción
Un dos obradoiros que organiza o Concello de Pontevedra dedicaba este venres a xornada para realizar unha visita con escolares ao composteiro comunitario que se atopa no campus universitario da Xunqueira e que ofrece servizo ao comedor da Facultade de Forestais.
Os quince escolares comprobaron a través deste sistema do Plan Revitaliza que promove a Deputación de Pontevedra como se elabora o compost. En primeiro lugar, nas aulas do Pazo da Cultura recibiron unha explicación sobre os residuos e o lixo que xeran as persoas para analizar como se poden tratar os residuos orgánicos a través da compostaxe.
Unha vez na zona na que se atopa o composteiro, os pequenos, con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos, aprenderon detalles sobre a importancia da temperatura ou sobre a presenza de microfauna no interior destes recipientes para elaborar o compost.
Os mestres composteiros explicaron como levan a cabo todos os pasos e destacaron a importancia de que se realice unha boa separación dos residuos orgánicos doutros para que o proceso sexa un éxito. Os propios integrantes do Ponteverán, obradoiro organizado polo Concello de Pontevedra, tomaron a súa merenda e, a continuación, tiraron os restos de comida no composteiro e viron como os expertos removían o interior e mesturábano con estructurante.
Os 60 menores que participarán nos obradoiros de Revitaliza en Ponteverán realizarán accións lúdicas e ambientais ao mesmo tempo que practican actividades en espazos naturais do municipio.
Relacionadas:
-
Os obradoiros tecnolóxicos e o Escape Music Room, actividades de máis éxito do Ponteverán
Por Redacción |
-
Nova inxección económica da Deputación aos concellos máis avanzados na compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
O Centro Carlos Oroza presenta candidatura ao distintivo 'Selo Vida Saudable' do Ministerio de Educación
Por Redacción |
-
Máis de 7.000 escolares aprenderon este curso sobre compostaxe grazas ao Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
Portas estrea o primeiro centro de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza
Por Redacción |