Moraña colocará luces de baixo consumo en case duascentas luminarias do municipio
Por Redacción
Ata 92.582 euros investirá o Concello de Moraña nun proxecto de alumeado público eficiente que consistirá na substitución de 190 luminarias por unhas de baixo consumo.
A potencia reducirase ata os 8 quilowatts malia gañar en luminosidade e o aforro enerxético situarase en torno ao 50%, segundo informa o goberno municipal.
Este proxecto vai beneficiar inicialmente aos lugares de Corrigatos, Suigrexa, a zona da igrexa de San Salvador de Saiáns, Torre de Abaixo, O Outeiro, O Castriño, A Picota e Ruibal.
A actuación centrarase no recambio dos actuais puntos de luz por outros de tecnoloxía LED, a substitución dos actuais balastros electromagnéticos por uns electrónicos, a implantación de reloxos astronómicos que permitirán controlar os horarios de acendido e a posta en marcha de sistemas de pre-programación das luminarias.
Deste xeito, e máis aló de contar cun funcionamento máis preciso no eido horario, conseguirase que as 190 novas luminarias reduzan a súa potencia, e polo tanto o seu consumo, de 16,40 a só 8,11 quilowatts.
O 80% desta actuación será financiada cos fondos europeos Feder, que aportarán 74.066 euros. A contía restante vai ser sufragada polo Concello de Moraña e pola Deputación de Pontevedra, que xa veñen de asinar o correspondente convenio de colaboración para a súa execución e cuxa contratación vai ser asumida polo organismo provincial.
A alcaldesa Luisa Piñeiro considera que se trata dun proxecto "moi interesante", xa que permitirá mellorar a iluminación, reducir o consumo e a factura eléctrica municipal e coidar o medio ambiente cos sistemas "máis modernos e eficientes".