Expertos en arte efémera participarán nun encontro internacional en Bueu
Por Redacción
Delegacións de todo o mundo participarán no encontro internacional de arte efémera que se celebrará en Bueu do 26 ao 28 de xullo. Será un evento que terá como fonte de inspiración temática a unión entre os camiños que existen en todos os lugares do mundo e que fomentan o intercambio cultural.
No encontro, que leva por título O camiño das estrelas ao seu paso por Bueu, está confirmada a presenza de delegacións da India, Malta (Illa de Gozo), tres de Italia (Noto, Camaiore e Torricella) dúas de Portugal (Belinho e Viana do Castelo) e unha de Alemaña.
Tamén asistirán a Federación Catalana de Catiffaires, outra de Carrión de los Condes (Palencia) e representantes de Ponteareas, Rianxo, Burela, Cangas, Moaña e Bueu.
O evento contará con obradoiros de alfombrismo, que se impartirán o 26 de xullo pola mañá, e que versarán sobre o aproveitamento de materiais vexetais e técnicas da India na confección dos tapices. Ese día pola tarde programarase a proxección dun documental sobre as alfombras de serrín de Camaiore, comezando cara á noite coa confección das mesmas.
Ademais das actividades organizadas para as delegacións, o salón de plenos da Casa Consistorial acollerá o 28, ás 12.00 horas, un acto de recibimento oficial aos alfombristas no que se intercambiarán agasallos institucionais.
Ademais, segundo avanzou Xosé Leal, o 25 de xullo, festividade de Santiago, membros da asociación realizarán unha alfombra en Ermelo na que se reflectirá o espírito de unión entre Compostela e esta aldea de Bueu.