De Vacas actuará no Parque de Ferreirós na celebración do Día da Matria Galega
Por Redacción
Poio volverá celebrar na tarde do mércores 24 o Día da Matria Galega, na véspera do Día da Patria Galega. As concelleiras Marga Caldas e Raquel Rodríguez presentaron este venres a programación das actividades previstas para ese día polo Concello de Poio.
Ás 19.30 horas, Peter Punk, unha proposta de dinamización infantil, ocupará o escenario do Parque de Ferreirós, espazo escollido para desenvolver todos os actos da xornada.
Unha hora máis tarde, terá lugar o acto institucional coa participación da concelleira Marga Caldas; o deputado do BNG, Mini Rivas e o alcalde Luciano Sobral.
A partir das 21.00 horas van entregarse as bandeiras, que xa se poden solicitar a través do correo concellopoio.gal ou acudindo ás oficinas municipais. Marga Caldas destacou que xa se recolleron 30 solicitudes, ademais da entrega a asociacións e colectivos de recente constitución.
A intención do goberno local é que Poio luza bandeiras en todos os balcóns e fiestras con motivo do Día da Patria Galega, o 25 de xullo, co obxectivo de reivindicar a memoria e a lingua do país.
A celebración rematará ás 21.30 horas co concerto da agrupación De Vacas, coñecidas polas súas versións en galego de grandes éxitos internacionais da música pop-rock.