Catro colectivos rexeitan a corta "abusiva" de árbores no Monte Pornedo
Por Redacción
A Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo amosaron este venres o seu rexeitamento á corta a matarrasa de arborado que a Comunidade de Montes de San Xián de Marín está a realizar no Monte Pornedo.
Os colectivos, que teñen o apoio da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra e do colectivo Vaipolorío, recoñecen que a corta ten autorización da Xunta de Galicia, pero insiste en que non lle ven xustificación dado o "grave impacto paisaxístico e ambiental" que provoca.
Así, sinalan que este modelo de corta "abusiva" de árbores provoca unha forte alteración da paisaxe, erosión do terreo, risco de propagación de incendio forestal pola gran cantidade de biomasa depositada no solo e un futurible risco potencial de desprendemento de terras e sedimentación dos leitos fluviais por chuvias torrenciais, ademais das afeccións correspondentes á fauna e á flora salvaxe.
A área afectada pola corta, superior ás 30 hectáreas e que na súa maioría estaba arborada con piñeiro do país (Pinus pinaster), está en terreos en forte pendente, ao carón da ribeira alta do rego das Presas, afluente do rego da Mouta.
A zona cortada coincide en gran parte co espazo que fora proposto como parque industrial polo Concello de Marín no seu PXOM, incluído no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais pola Xunta de Galicia; un proxecto que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou nulo en senllas sentenzas firmes e irrevogables nos anos 2017 e 2018 polos graves e irreversibles impactos ambientais no lugar onde se pretendía desenvolver.
As asociacións denunciantes consideran que despois de que o TSXG declarase nulo o parque empresarial proxectado, esta área de 331.999,22 metros cadrados debería clasificarse como solo rústico de especial protección de espazos naturais.
Relacionadas:
-
Piden ao Concello de Marín a retirada de verteduras ilegais que proliferan no Monte Pituco
Por Redacción |
-
O BNG propón crear en Marín un parque temático de espazos naturais, etnográficos e deportivos
Por Redacción |
-
Esixen o cumprimento da sentenza que obriga a anular o polígono industrial proxectado no Monte Pituco
Por Redacción |