ENCE nega usar combustibles "incompatibles" coa súa autorización ambiental e tomará "medidas legais" contra APDR
Por Redacción
A empresa Ence nega "rotundamente" que a compañía estea a incumprir normativa algunha nin estar a utilizar combustibles ou produtos que sexan "incompatibles" coa súa autorización ambiental, tal e como denunciou este xoves a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR).
Nun comunicado, Ence asegura que as acusacións da asociación ecoloxista son "falsas" e que só teñen a "evidente intención" de xerar alarma social e "danar a reputación" dunha compañía que, recordan, cumpre "folgadamente" a regulación ambiental vixente.
Ence reitera que a súa fábrica de Pontevedra cumpre de xeito "escrupuloso" toda esta normativa, incluída a orde ministerial que regula o uso como combustible de aceite procesado. Nesta liña, apuntan que esixe a todos os seus provedores un certificado que avale que respectan os requisitos establecidos por esa normativa.
A fábrica de Pontevedra, segundo defende a empresa, realiza un control "rigoroso" de todos os seus focos de emisión, que son monitorizados unha vez por segundo por medidores calibrados por unha empresa acreditada.
Ademais, para controlar a calidade do aire nos arredores da fábrica, existe unha cabina da Xunta de Galicia situada en Campolongo. En paralelo, Ence dispón de dúas cabinas propias para reforzar o control da calidade do aire.
Esta acusación da APDR contra a fábrica de Ence en Pontevedra, lamentan desde a compañía, "súmase a outros ataques" contra a súa actividade "sen dubidar en recorrer ao medo e ao engano". Ante estas "torticeiras e inxustas mentiras", Ence advirte que emprenderá as medidas legais oportunas na súa defensa.
Relacionadas:
-
ENCE asegura que usa como combustible un aceite "sen maior impacto sobre o medioambiente que o fuel"
Por Oskar Viéitez |
-
Medio Natural "manterase vixiante" ante o posible emprego de aceites na pranta de biomasa de Ence
Por Redacción |
-
A APDR pide que se investigue a Ence por queimar 18.000 toneladas de aceite usado contaminante
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |