Investigan un veciño do Grove por levar o adhesivo da ITV do coche do seu fillo
Por Redacción
Un veciño do Grove está a ser investigado pola Garda Civil por un presunto delito de falsidade documental por levar o adhesivo da ITV doutro coche no seu para aparentar que superara a inspección.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, descubriron o delito a pasada fin de semana con motivo dun control preventivo de seguridade cidadá establecido pola USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia de Pontevedra) á altura da rotonda de San Vicente, no municipio do Grove.
O axente responsable de filtrar os vehículos que pasaban polo punto de control decide inspeccionar unha furgoneta para confrontar a procedencia e o destino da mercadoría que transportaba. Ao realizar as pertinentes comprobacións, descubriron que a furgoneta tiña a ITV caducada desde o mes de xullo do ano pasado e, con todo tiña un adhesivo igualmente no parabrisas.
En concreto, tiña os adhesivos dos anos 2018 e a do 2019, esta última de cor verde e co troquel entre os meses de maio e xuño.
Segundo as pescudas realizadas, a viñeta do ano 2019 que levaba a furgoneta correspondíase co vehículo do fillo do seu propietario, que era a persoa que o conducía cando foi interceptado no control.
En base a estas comprobacións, o propietario da furgoneta foi citado nas dependencias da Garda Civil de Sanxenxo, onde se lle notificou a súa condición de investigado por un delito de falsidade documental. Ademais, ao fillo tramitóuselle unha denuncia administrativa por conducir coa ITV caducada.
Tanto o propietario da furgoneta, como o seu fillo teñen un amplo historial delituoso, un deles por falsificación de placa de matrícula.