A APDR pide que se investigue a Ence por queimar 18.000 toneladas de aceite usado contaminante
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) denuncia o que consideran unha práctica empresarial "ilegal" e "fraudulenta" de Ence en Lourizán. Aseguran que utiliza aceite usado contaminante como combustible nos seus procesos de produción, un tipo de residuo que queda prohibido na Autorización Ambiental Integrada (AAI) que lle concedeu a Xunta de Galicia para continuar en Lourizán e cuxa utilización pide que se investigue por parte das autoridades e a Xustiza.
Antón Masa e Antía Marinho, presidente e secretaria da APDR, compareceron este xoves en rolda de prensa para dar a coñecer o resultado da investigación que realizaron nos últimos meses, segundo a cal Ence queima 18.000 toneladas de aceite usado pretratado ao ano, unha cantidade que non só é contaminante e ilegal segundo a súa AAI, senón que, ademais, permítelle aforrar 3,5 millóns de euros na produción de enerxía, isto é, 18 millóns no últimos cinco anos.
A APDR puido contactar con empresas xestoras de aceites usados e constatar que adquiren polo menos 18.000 toneladas de aceite usado contaminante en distintos puntos de España, Portugal e Mozambique e apuntan que mesmo é posible que cheguen a comprar máis.
Unha vez constatado que o compran, tamén conclúen que o utilizan, de modo que estaría a incorrer nunha práctica irregular. Por unha banda, resulta contrario á normativa porque España aprobou unha norma en 2018 que transpone a lexislación europea nesa materia que prohibe este tipo de aceites usados e, aínda que haxa unha moratoria de 24 meses que permite a súa comercialización, nunca se permitirá a unha fábrica como Ence o seu uso. Pero é que, por outro lado, a AAI de Ence tan só lle permite usar como combustible biomasa.
O colectivo ecoloxista descubriu esta presunta irregularidade a raíz do pequeno incendio rexistrado na fábrica de Lourizán o pasado mes de decembro. Aínda que a empresa falou naquel momento de que había ardido plástico nunha obra que realizaban nas instalacións, unha fonte que a APDR non revelou aseguroulles que ese tipo de incendio non procedía de plástico, senón de aceite. Tirando do fío, pescudaron que estaba comprando aceite usado.
Ademais de denunciar este uso "ilegal" e "fraudulento", a APDR pide que o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia, os parlamentos galego, español e europeo e a Fiscalía investiguen o que está a ocorrer na fábrica de Ence en Lourizán.
Así, Antón Masa esixe ao Concello de Pontevedra que investigue a situación e que impida a entrada de aceites usados na fábrica de Lourizán e pregúntase como está a entrar ese acceso na factoría, se en camións rotulados ou de forma camuflada.
Aos parlamentos galego, español e europeo pídelles que investigue o seu uso e como entran na fábrica. Á Xunta, que revise a AAI porque a estaría incumprindo e á Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia que estude este proceder como un posible delito ambiental.
Respecto diso, desde a APDR indican que Ence foi condenada no seu día por un delito ecolóxico e é "posible" que agora están a cometer outro.
Antón Masa cre que esta denuncia debería ter dúas repercusións. A primeira debería ser que se teña en conta no procedemento que se segue na Audiencia Nacional pola prórroga para a permanencia de Ence na Ría máis aló de 2018 e a primeira sería un impacto na AAI. Así, na súa opinión, a Xunta de Galicia debería anulala porque "está incumprindo en algo que entendemos que é importante".
Relacionadas:
-
O PP rexeita no Parlamento a investigación que pide o BNG sobre o uso de aceites industriais en ENCE
Por Redacción |
-
ENCE asegura que usa como combustible un aceite "sen maior impacto sobre o medioambiente que o fuel"
Por Oskar Viéitez |
-
Medio Natural "manterase vixiante" ante o posible emprego de aceites na pranta de biomasa de Ence
Por Redacción |
-
ENCE nega usar combustibles "incompatibles" coa súa autorización ambiental e tomará "medidas legais" contra APDR
Por Redacción |
-
A APDR denuncia a ENCE nos xulgados por obstaculizar a marcha contra a fábrica
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga |
-
Máis de 2.000 persoas marchan contra Ence coa esperanza de que o peche sexa inmediato
Por Diego Torrado & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
VÍDEO.- Un incendio aparatoso, pero de consecuencias menores
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Alarma en Pontevedra por un incendio na fábrica de ENCE en Lourizán
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada