Agrolimpiadas e malla, campionatos de xogos populares en Ponte Caldelas
Por Redacción
Ponte Caldelas acolle esta fin de semana eventos relacionados cos xogos populares, actividades moi relacionadas coas tradicións rurais de Galicia.
A parroquia de San Martiño de Xustáns, con motivo da celebración da festa da Virxe do Carme, celebra a segunda edición das Agrolimpiadas. Será este venres 19, a partir das 18.30 horas, coa proba estrela de lanzamento de sacho.
A esta actividade hai que sumar outras difíciles probas como a de encestar espigas nun capacho, encher botellas de auga con vasos con ocos, carreiras de carretillos, cantos para escorrentar os paxaros e unha gimkana con sacos de espigas. Ao remate das competicións, nas que pode participar calquera persoa que o desexe, actuará o mago Javier Muro.
As Agrolimpiadas só teñen un antecedente en Xustáns, que se remonta ao ano 2013, unha edición na que contou con gran participación da mocidade da parroquia.
Doutra banda, a Asociación de Veciños da Insua, en colaboración coa Comunidade de Montes, desenvolverá este sábado 20, a partir das 17.00 horas, o campionato de Malla. Trátase dunha cita que contaba cunha ampla aceptación na década dos anos noventa. Deixou de celebrarse hai 6 anos e agora retómase en Carreira Ancha.
A malla consiste en lanzar discos de ferro para derrubar dous paus situados a unha distancia, entre eles, de 14 metros.