3.500 persoas xuntaranse en Moraña para participar na Festa do Carneiro ao Espeto
Por Redacción
A Festa do Carneiro ao Espeto, que este ano alcanza a súa edición número 50, acadará cifras nunca antes vistas. O Concello de Moraña viuse obrigado a pechar con antelación a reserva dos lotes para o xantar tras chegar aos 3.500 comensais.
O xantar popular do domingo 28 de xullo conta con 174 mesas reservadas en apenas tres semanas. Acollerán a vinte comensais cada unha, procedentes de toda Galicia, o que supón que a carballeira de Santa Lucía verá ocupado todo o seu espazo.
"Nos gusta recibir a todos os que queren vir ao Carneiro, pero a demanda deste ano foi incrible e non temos máis espazo, polo que tivemos que pechar o prazo de reservas, algo que está contemplado nas bases e por iso sempre recomendamos coller os lotes coa máxima antelación", indicou a alcaldesa, Luisa Piñeiro.
O goberno municipal asegura estar "felizmente abrumado" pola resposta popular a esta festa, algo que vinculan co "esforzo" que se fixo para conmemorar o 50 aniversario e que incluirá como é habitual "o mellor asado artesanal e tradicional que se fai en Europa".
O programa do certame, tras arrancar a semana pasada cos obradoiros, xa acolleu o concurso de petiscos Espétalle un Pincho e a inauguración da exposición da historia da festa, que pode contemplarse na Casa da Cultura.
A partir de agora a actividade centrarase no Bubble-Football e o Escape Room e, xa na fin de semana, co concerto folk con As Cantigas de Elena e Ardentía (venres 19), o festival folclórico da man do grupo local de música e baile tradicional Seixebra (sábado 20), a VII Carreira Carneiro ao Espeto e a actuación da Banda Nova Lira e a Gallaecia Big Band (domingo 21).
Relacionadas:
-
Récord en Moraña: 23.000 asistentes á Festa do Carneiro ao Espeto
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Moraña abre 19 días de actividades para conmemorar o medio século da Festa do Carneiro
Por Redacción |
-
A Festa do Carneiro quenta motores cun concurso de pinchos
Por Redacción |
-
Os 50 anos da Festa do Carneiro ao Espeto xa teñen carteis de promoción
Por Redacción |