O Concello de Cuntis pide explicacións ao CHOP pola pérdida do servizo de pediatría por vacacións
Por Redacción
Chega o verán aos centros sanitarios e con el os problemas de funcionamento. Durante o mes de xullo, a pediatra do centro de saúde de Cuntis atópase de vacacións sen que o Sergas contratase a un substituto, o que provocou trastornos a moitos pacientes. Por iso, o Concello de Cuntis acaba de remitir un escrito ao xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra para solicitar explicacións polos problemas de funcionamento do servizo de pediatría durante a época estival.
Desde o goberno local alertan que os pacientes non poden solicitar cita previa no seu centro de saúde porque a pediatra atópase de vacacións e o Sergas non contratou a un substituto. Non é a primeira vez que se produce esta situación nos últimos anos, pero en ocasións anteriores os menores cuntienses eran atendidos polos profesionais do centro de saúde de Caldas.
Con todo, este ano xa foron varios os pacientes aos que se lles denegou esta atención para remitilos ao servizo de Urxencias do PAC ou directamente ao Hospital Provincial. Só son atendidos no propio centro de saúde polo médico de familia se se trata dunha urxencia real.
Ademais, as revisións a bebés quedaron suspendidas ata o día 1 de agosto, cando a pediatra finalice as súas vacacións e regrese ao traballo.
“Non entendemos esta forma de proceder que só conducen ao colapso de Urxencias, porque na maioría das ocasións son atencións sinxelas para as que non é necesario ir ao Hospital”, lamenta a tenente de alcalde de Cuntis, Conchi Campos.
Relacionadas:
-
Cuntis volve quedar sen pediatra e pide celeridade ao Sergas para recuperar o servizo
Por Redacción |
-
O Concello denuncia falta de persoal no centro de saúde de Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis denuncia a falta de médicos e saturación no centro de saúde
Por Redacción |
-
Satisfacción en Cuntis e Moraña pola recuperación do servizo de Pediatría
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis e Moraña volven ter pediatra dous meses despois
Por Redacción |
-
Unha manifestación reclama en Cuntis o servizo de Pediatría
Por Oskar Viéitez |
-
O Sergas ve "prioritario" dotar de pediatra a Cuntis e Moraña pero recoñece que "non é fácil"
Por Redacción |