Asociacións animalistas reclaman unha xestión pública do CAAN
Por Redacción
A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber piden unha xestión pública para o Centro de acollida e protección de animais (CAAN) situado na Armenteira, Meis, que depende da Deputación de Pontevedra.
Entenden que unha xestión totalmente pública resultaría máis eficiente e permitiría aproveitar o persoal laboral e funcionario da institución provincial. Cren que a Deputación debe dirixir as instalacións que reciben ao ano centos de animais extraviados, perdidos ou abandonados. A xestión por parte dunha empresa participada por administracións públicas resulta para estes colectivos insuficiente do mesmo xeito que o único recinto, que consideran insuficiente para o control de toda a provincia.
As ONG cren que o medio millón de orzamento co que conta o CAAN podería reducirse con esa xestión pública directa que reclaman para evitar intermediarios con ánimo de lucro.
Ademais piden que se estableza un novo servizo de asesoramento para a creación e control de colonias de gatos salvaxes, a participación da veciñanza nas actividades do centro e unha estratexia de sensibilización, que vaia máis aló das campañas concretas destinadas á adopción dos cans que se atopan no recinto.