BNG e PSOE rexeitan a moción do PP para liberar de 'lombos' as vías sanitarias
Como un auténtico 'día da marmota'. Así comezaron as sesións plenarias do novo mandato. A presenza de ' lombos' das vías sanitarias, unha cuestión xa debatida en varias ocasións, volveu á orde do día do pleno. Iso si, a diferenza de ocasións anteriores, foi o PP e non o PSOE o que reclamou a retirada destes elementos de acougado de tráfico.
Fíxoo, segundo recoñeceu Rafa Domínguez, buscando explotar as discrepancias entre os socios de goberno. Aínda que non tivo éxito. Socialistas e nacionalistas apoiaron unha emenda que alterou, ante as protestas do PP, o espírito desta moción e acabou aprobándose un impulso á "mobilidade amable", buscando medidas "axeitadas" para cada ámbito concreto.
O líder do PP acusou ao PSOE de cambiar de criterio para "non cabrear" aos seus "xefes" do BNG e sinalou que a retirada destes 'lombos' dos accesos ao hospital "no es un capricho" dos profesionais sanitarios, senón unha medida para acabar coa "sin razón" que supoñen uns resaltos que "ponen en riesgo" a saúde dos pacientes.
O responsable de Infraestruturas, César Mosquera, lamentou que a primeira moción que presentan os populares este mandato sexa para "meterse co modelo urbano" de Pontevedra e que "mimetizan" as críticas contra proxectos como Madrid Central recuperando unha polémica que "crimos que xa estaba superada".
"Están absolutamente desbocados", lamentou Mosquera, mentres que o socialista Iván Puentes asegurou que esta moción foi presentada para "facerlle o traballo sucio a Feijóo" para as eleccións autonómicas, tratando de buscar "fisuras" no goberno pontevedrés para aumentar a "falsa sensación" de que a esquerda " non pode gobernar xunta".
O único que apoiou a proposta do PP foi Goyo Revenga, edil de Cidadáns, que lamentou que Pontevedra conte cunha ordenanza de tráfico "obsoleta y anticuada" e reclamou que os elementos de acougado de tráfico como os 'lombos' se coloquen "con cordura y sentido común".
TRÁMITES ADMINISTRATIVOS
A corporación municipal aprobou ademais, coa abstención do único edil de Cidadáns, a modificación de crédito de 4.2 millóns que financiará, entre outras actuacións, a reforma urbana de Loureiro Crespo e O Castañal, a instalación de iluminación LED en Lourizán, a construción do skatepark ou o pago das subvencións deportivas.
O responsable de Facenda, Raimundo González, sinalou que se trata dunha modificación "importante" que servirá para mellorar "substancialmente" a vida dos veciños; mentres que o concelleiro do PP Gerardo Pérez Puga criticou que o Concello "tenga dinero" e sexa "incapaz de gastarlo", ao lembrar que este diñeiro forma parte do superávit de 2018.
Por unanimidade, pola súa banda, foi aprobada a modificación do cadro de persoal que, ademais doutros cambios de menor entidade, permitirá crear catro direccións xerais no Concello que, a xuízo da responsable de Persoal, Carmen Fouces, serán "fundamentais" para que a administración se "modernice" e responda aos "cambios" na sociedade.
Relacionadas:
-
Duras críticas a Cidadáns pola polémica do Orgullo LGTBI: "Son un perigo para a democracia"
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez, contra o BNG polas vías sanitarias: "Cousas que saben nenos de 7 anos, Mosquera non as sabe aínda"
Por Redacción |
-
O Concello recorda que a normativa de 'lombos' aprobouse en febreiro "e non foi alegada por ninguén"
Por Alejandro Espiño |
-
O PP levará as vías sanitarias ao Pleno Municipal buscando a división do goberno local
Por Diego Espiño |