Este San Xoán non quedou meigallo por espantar (nin pan por pingar)
Por Diego Torrado
A cultura popular galega pode chegar a ter tantas lendas vinculadas á noite de San Xoán como cacharelas iluminaron na madrugada do domingo ao luns a bisbarra de Pontevedra, pero en todas coincide un denominador común: o elemento purificador do lume para espantar meigas e meigallos. Á vista da cantidade de festas celebradas, non quedou un pontevedrés con el no corpo.
As cacharelas estendéronse ata altas horas de madrugada na noite máis curta e máxica do ano e houbo quen se aventurou a saltalas para escorrentar os malos espíritos. Previamente, en practicamente todas elas se celebraran sardiñadas nas que se crearon longas colas para cumprir aquel dito de "por San Xoán, a sardiña pinga ou pan,". Aínda que este 2013, coa crise, a escaseza de sardiña e o prezo que alcanzou no mercado, foron menos as que "pingaron" e máis churrasco e crioulos os que saíron das barbacoas.