Mozos e maiores de 35 concellos da provincia tecerán lazos interxeracionais
Por Redacción
Un total de 35 concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes súmanse este ano ao programa 'Tecendo Lazos 2019', unha iniciativa dirixida a persoas de entre 6 e 99 anos que busca acadar estratexias para o encontro, a sensibilización e o intercambio de aprendizaxes e valores entre xeracións.
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a solicitude de adhesión destes 35 concellos a un programa ao que a institución provincial destina este ano 59.455,76 euros.
Esta iniciativa, que se desenvolve por cuarto ano consecutivo, está dirixida a persoas de todas as xeracións co obxectivo de, precisamente, crear espazos onde as persoas dunha mesma familia e doutras poidan xuntarse e intercambiar experiencias arredor das temáticas de cada obradoiro.
A Deputación tamén busca promover valores que creen lazos afectivos entre elas e que así, os máis pequenos adquiran habilidades novas e empatía cara a outras xeracións e, para as maiores, facilitarlles un envellecemento activo e san.
Os obradoiros máis solicitados foron 'Risos en familia', que busca crear un espazo no que as persoas participantes aprendan a rir en contornas familiares, e 'Faino ti', que é un taller de expresión plástica e traballo manual con obxectos reciclados e reutilizados.
Outras actividades promovidas son 'Xogos e xoguetes tradicionais', un obradoiro no que os maís pequens coñecerán e construirán xogos tradicionais cos que xogaban os maiores e, ao mesmo tempo, ensinaranlles os xoguetes cos que eles xogan agora; e 'O noso son: bailes de agora e de sempre', que traerá á actualidade os bailes e cancións típicas da zona.
'Tecendo Lazos 2019' chegará, entre outros, aos concellos de Poio, Ponte Caldelas, A Lama, Vilaboa, Barro, Portas, Moraña, Bueu, A Illa de Arousa, Campo Lameiro, Caldas de Reis, Cuntis, Meis ou Ribadumia.
Relacionadas:
-
A Deputación, pioneira na introdución de cláusulas de responsabilidade social nos contratos públicos
Por Redacción |
-
A Deputación fai entrega na Lama do primeiro premio do programa "Tecendo lazos"
Por Redacción |
-
85 veciños de Barro, Cotobade e Moraña participarán nos obradoiros de "Tecendo lazos"
Por Redacción |
-
O programa "Tecendo lazos" da Deputación chega este ano a 45 concellos
Por Redacción |
-
'Tecendo lazos' pecha esta semana con obradoiros en Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |