Un proxecto de Fademur e a Deputación achegará ás escolas do rural a prevención das violencias machistas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur) colaborarán na posta en marcha do proxecto 'Promovendo valores en igualdade nas escolas rurais. Formando en igualdade para previr a violencia de xénero', que pretende achegar ás escolas do ámbito rural actividades relacionadas coa igualdade e contribuír coa visibilización da violencia de xénero.
A iniciativa está dirixida á mocidade pontevedresa menor de 16 anos, en especial a aquela que reside nos núcleos rurais máis pequenos, co obxectivo de traballar para construír valores de igualdade que permitan a erradicación das violencias machistas da sociedade, atendendo ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que establece a necesidade de trazar actuacións específicas no rural.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinou nos últimos días un convenio de colaboración con Fademur para a realización deste proxecto, en virtude do cal a institución provincial fai unha achega de 10.000 euros á iniciativa.
No marco deste proxecto deseñaranse campañas, obradoiros e accións de formación e sensibilización co obxectivo de xerar as actitudes necesarias para, desde a infancia, adoptar comportamentos máis igualitarios e menos tolerantes con todo tipo de violencias.
O proxecto achegará á mocidade ferramentas para comprender, identificar e actuar ante situacións violentas e traballará con eles o concepto de igualdade desde a perspectiva de xénero.
Fademur agrupa en Galicia a 57 entidades de mulleres rurais.