Trece casetas de artesanía daranse cita desde o mércores na Ferrería pola feira Chalana
Por Redacción
A artesanía volverá fiel esta semana á súa cita estival con Pontevedra e coas festas do verán. O mércores abrirá as súas portas a Feira Atlántica da Artesanía e Deseño Chalana, que este ano chega á súa XII edición cun total de 13 casetas.
Chalana estará situada, como é habitual nos últimos anos, na praza da Ferraría. Abrirá este mércores, 17 de xullo, e permanecerá ata o 4 de agosto. O seu horario de apertura será de 11.00 a 14.00 horas pola mañá e de 19.00 a 22.30 horas pola tarde.
Entre as 13 casetas de artesáns de distintos oficios que están confirmadas para este ano figuran tecedoras coma Sandra Báston ou artesáns téxtiles como La Luna y La Luciernaga. En xoiería estarán Amorei, Feitura e a artesá de colares de O Grove Montse Betanzos, que traballa con cunchas naturais.
Ademais, estarán os esmaltes ao fogo de Xakarandá, o traballo do obradoiro vigués de Mario Fernández e Os Alegres de Pontevedra, que presentarán os seus derradeiros traballos na recuperación de instrumentos tradicionais.
Algúns artesáns consolidan a súa presenza esta cita coa artesanía, como os obradoiros de coiro Jatafarta e A Bocados, e outros estréanse este ano. É o caso da recoñecida ceramista Mónica Leónlagata, o Taller Llue Vidro e o obradoiro Las Chapas, que chegará dende Sevilla para sorprender ao público con produtos creados a partir da reciclaxe de chapas de bebidas.
Consulta aquí o programa completo das Festas de Verán de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Artesanía con deseño atlántico, ata o 4 de agosto na Ferrería
Por Redacción |
-
Artesanía e deseño van da man nunha nova edición da feira Chalana
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Volven os artesáns ao Paseo Odriozola
Por Redacción |
-
A artesanía acode fiel á súa cita estival coa novena feira Chalana
Por Redacción | Creada e actualizada